O Polígono da Barbanza conta coa avaliación estratéxica ambiental

Ordenación do Polígono da Barbanza

Clica na imaxe para ver a Ordenación do Polígono en PDF

O FUTURO PARQUE EMPRESARIAL DA BARBANZA CONTA CO DOCUMENTO DE AVALIACIÓN ESTRATÉXICA AMBIENTAL

 No prazo dun mes a Consellería de Vivenda e Solo someterá a exposición pública o Proxecto sectorial e o Informe de sostenibilidade ambiental (ISA)

O futuro Parque Empresarial da Barbanza, de 1 millón de metros cadrados, conta co Documento de referencia para a avaliación estratéxica ambiental, emitido pola Consellería de Medio Ambiente. Este documento-guía inclúe as consideracións necesarias para que a equipa redactora do Proxecto Sectorial do parque remate a súa elaboración e especifica a qué departamentos ou entidades hai que solicitar a emisión dos informes sectoriais preceptivos – previos á súa aprobación definitiva – incluído o Informe de sostenibilidade ambiental (ISA). Este Documento de referencia para a avaliación estratéxica ambiental xa foi remitido á equipa redactora do Proxecto sectorial.

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, tamén enviou a proposta de Declaración de supramunicipalidade deste parque á CPTOPT, que deberá emitir un informe previo á súa aprobación no Consello da Xunta.

A Consellería prevé que no prazo dun mes estes trámites previos estarán finalizados e poderá someter a exposición pública tanto o Proxecto sectorial como o Informe de sostenibilidade ambiental (ISA), que substitúe a anterior Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Ambos documentos permanecerán en exposición pública para a presentación de posibles alegacións na sede da Consellería en Santiago e nos dous concellos nos que se desenvolverá este parque, Ribeira e Pobra do Caramiñal, o Proxecto Sectorial durante un mes e o ISA durante dous meses.

Neste punto, a Consellería de Vivenda e Solo remitirá ambos documentos aos departamentos e entidades que deben emitir informes sectoriais preceptivos, que neste caso son –entre outros- os concellos afectados, a Dirección Xeral de Estradas do Estado, Consellería de Innovación e Industria, Consellería de Medio Rural, CPTOPT e Augas de Galicia.

A previsión é que a tramitación administrativa se desenvolva durante o 2008 e a licitación das obras se produza no cuarto trimestre dese ano. O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

Características do parque

O Parque Empresarial da Barbanza está situado nos municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. A localización desta infraestrutura é produto dun estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo antes de optar pola área de actuación concreta que albergará o futuro parque.

O Parque Empresarial da Barbanza contará cunha superficie total de 1.008.928 metros cadrados, dos que 541.520 metros cadrados serán de uso empresarial e industrial, 311.824 metros cadrados para espazos libres, 124.198 metros cadrados para a rede viaria e 31.386 metros cadrados para equipamentos.

Este parque incluirá naves modulares para os pequenos empresarios que queiran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial da Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial da Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.