O BNG mostra a súa satisfacción ao aprobarse por maioría absoluta e que se vaia realizar un estudo técnico para realizar a circunvalación de Ribeira pola estrada de Xarás-Frións. A proposta, asinada de maneira conxunta entre os grupos BNG, PBBI, PSOE e SR, obtivo 12 votos a favor e 9 abstencións do PP que se viu na obriga de rectificar e aceptar a proposta.
Resumo dos temas tratados no pleno ordinario de xaneiro de 2022
Proposición do BNG, PSOE, PBBI e SR para que estudar a viabilidade de mellorar a CP-7301 e convertela en circunvalación para Ribeira: os grupos asinantes da proposta defendemos a necesidade de facer un estudo no que se valore a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais.
O concelleiro do BNG, Luís Pérez Barral, explicou que “esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño”. Ademais do anterior, Barral detallou que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano.
Pérez Barral, explicou que é unha boa nova “que o PP rectifique e deixe de defender os intereses do seu partido por riba dos intereses da veciñanza”. O concelleiro nacionalista instará a que Ruiz reciba á veciñanza afectada pola circunvalación tan axiña como sexa posíbel e intermedie coa Consellaría de Infraestruturas para que atenda as alegacións da Plataforma veciñal que levan ano e medio sen resposta. Desde o BNG pediranse explicacións tamén, no Parlamento de Galiza, sobre o financiamento desta infraestrutura pois vale 9,3 millóns de euros pero a Xunta só consignou 1 millón de euros para o ano 2022.
O Partido Popular tentou enlear o debate culpando á Deputación da Coruña de non mellorar esa estrada cando, en realidade, está sendo o goberno local e a Consellaría de Infraestruturas as que están tratando de impoñer un proxecto sen consenso e que provoca malestar social. Desde o BNG recordámoslle ao señor Ruiz que a Deputación da Coruña transferiulle a Ribeira nos últimos catro anos, máis de 5,5 millóns de euros grazas a criterios obxectivos e lonxe da discrecionalidade coa que o PP repartía os cartos. Barral recriminoulle a Ruiz que “pode usar eses cartos para facer o estudo pero négase unha e outra vez pero por contra si lle paga os gastos a outras administracións como a de rectificar a desfeita que fixo Portos en Palmeira gastando 40.000 euros ou mesmo tendo que construír o Concello de Ribeira un polígono industrial ante a negativa da Xunta a exercer as súas competencias”.
Pérez asegurou que o BNG estará vixiante para que se lle dea cumprimento íntegro ao acordo plenario e se realice un estudo de viabilidade que certifique que a estrada de Xarás-Frións (CP-7301) é a circunvalación que Ribeira precisa. “Estamos contentos, pois demóstrase que as propostas do Bloque benefician ao conxunto da veciñanza ribeirense” concluíu.
Votos a favor de BNG, PSOE, PBBI, SR e abstención do PP
Outros asuntos:
Proposta para realizar unha ruta peonil por Deán. Aprobado por unanimidade
Proposta para mellorar a pista deportiva sita na rúa Castealo en Aguiño. Aprobado por unanimidade
Creación dunha senda peonil en Coroso pegada á Escola Náutico-Pesqueira e que desenvoque preto da rotonda da Avenida da Paz por valor de 179.600€. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e voto en contra de SR.
Proposta para sobre a necesidade de establecer medidas de calmado de tráfico e convocar a mesa de peatonalización (órgano do Concello de Ribeira onde se debaten os asuntos de mobilidade). Aprobado por unanimidade
Proposta para mellorar a rúa Insuela e a mellora dos servizos municipais en Oleiros. Aprobado por unanimidade
One Comment on “O Pleno volve a esixirlle ao alcalde que se estude a alternativa do BNG á circunvalación”