O Pleno aproba propostas do BNG sobre a necesidade de reforzar Correos, medidas de calmado de tráfico e benestar animal

Resumo dos asuntos máis relevantes tratados no pleno de Ribeira celebrado o 26 de xaneiro de 2026.


Proposta do BNG para mellorar o servizo de Correos.


O BNG puxo o foco nun problema serio que lle afecta a moitas veciñas, veciños, empresas e institucións de Ribeira como é a insuficiencia de persoal en Correos no municipio, unha situación especialmente grave nun municipio que supera os 27.000 habitantes durante boa parte do ano e que incrementa notablemente a súa poboación nos meses de verán.


O portavoz, Luís Pérez Barral, explicou que, aínda que o cadro teórico de persoal é de 15 carteiras e carteiros (urbanos e rurais), só arredor de oito están en activo, debido a que non se cobren baixas, vacacións nin vacantes. Esta falta de persoal vese agravada porque parte do servizo de paquetería urxente é asumido por traballadores que tamén cobren outros concellos da comarca, o que repercute negativamente na calidade do servizo.


Desde o BNG denunciouse que esta situación provoca sobrecarga laboral no persoal, atrasos na entrega da correspondencia e paquetes, dificultades na atención ao público e, en xeral, un deterioro dun servizo público esencial para a veciñanza, o comercio, as empresas e as administracións. Lembrouse tamén que o Bloque xa impulsara iniciativas neste sentido no ano 2022, tanto no Concello de Ribeira (aprobada por unanimidade) como no Congreso dos Deputados, reclamando medidas como a ampliación do horario da oficina de Correos, incluíndo a apertura en horario de tarde, para mellorar a atención á cidadanía e favorecer a actividade económica.


Ademais, o BNG puxo enriba da mesa a oportunidade que supón a implantación do servizo Correos Pay, que permitiría pagar tributos e taxas municipais tanto na oficina como a través do reparto rural, sen custo para o Concello. Esta medida foi defendida como especialmente beneficiosa para o medio rural, persoas maiores ou con dificultades de mobilidade e para reducir a fenda dixital.


Finalmente, fíxose unha reflexión máis ampla sobre o papel de Correos como servizo público, lembrando que historicamente chegou a funcionar como banca pública, e apuntando que recuperar unha función semellante contribuiría a garantir servizos bancarios no rural e mellorar as condicións para a poboación.


A proposta foi aprobada por unanimidade.


Proposta do BNG para calmar o tráfico en Deán


O concelleiro Xabier Vidal, reclamou a execución inmediata das medidas de calmado do tráfico na rúa de Deán Pequeno, unha actuación impulsada durante a súa etapa como concelleiro de Obras e que conta con informes técnicos favorables e coa aprobación formal do goberno municipal.


Na rúa de Deán Pequeno vénse detectando dende hai tempo unha circulación de vehículos a velocidades excesivas, o que supón un risco evidente para a seguridade das persoas peóns, máis aínda tendo en conta que se trata dunha vía sen beirarrúas. Co obxectivo de dar resposta a esta problemática, o pasado 4 de agosto solicitouse á Policía Local un informe sobre a viabilidade da adopción de medidas axeitadas para o calmado do tráfico. Posteriormente, o 3 de setembro, Xabier Vidal mantivo, xunto co alcalde Luís Pérez Barral, unha xuntanza coa veciñanza da rúa de Deán Pequeno na que se lles presentou unha proposta concreta de calmado do tráfico. A iniciativa contou co visto e prace das persoas residentes, que ademais propuxeron a incorporación dun novo lombo de asno noutro punto da rúa para reforzar a seguridade viaria. Esta achega da veciñanza foi recollida nun segundo informe emitido pola Policía Local o 9 de setembro de 2025, no que se incorporaban as modificacións solicitadas. O devandito informe foi aprobado pola Xunta de Goberno Local o 18 de setembro, deixando o procedemento completamente resolto desde o punto de vista técnico e administrativo.


Porén, transcorridos xa case cinco meses desde a súa aprobación, as medidas de calmado do tráfico seguen demorándose por parte do actual goberno municipal en mans do PP, mantendo á veciñanza de Deán Pequeno nunha situación de inseguridade innecesaria. Desde o BNG reclámase que se dea cumprimento aos acordos adoptados e que se leven a cabo de inmediato as actuacións aprobadas, poñendo por diante a seguridade das persoas e o respecto aos compromisos adquiridos coa veciñanza.


Batería de iniciativas do BNG sobre benestar animal


A concelleira Antia Alberte defendeu dúas iniciativas no pleno co obxectivo de mellorar as políticas municipais de benestar animal, poñendo o foco tanto no funcionamento do centro de recollida de animais como na xestión das colonias felinas do municipio.


Alberte Maneiro, trasladou ao goberno municipal a súa preocupación polo deficiente convenio de xestión do centro de recollida de animais, asinado un mes antes das eleccións municipais de 2023, cunha dotación económica claramente insuficiente para cumprir coas obrigas que marca a Lei de Benestar Animal. Lamentou que malia intentalo durante a súa etapa á fronte desta área, xuridicamente foi imposible mellorar ese convenio que non garante nin os medios nin as condicións necesarias para prestar un servizo digno, algo que repercute na atención aos animais.


Ante esta situación, o BNG tendeu a man ao goberno para avanzar cara a un novo proxecto de centro de acollida, correctamente dotado economicamente e que permita converter as instalacións nun verdadeiro núcleo zoolóxico. Nesa liña, destacou o investimento realizado durante o anterior mandato para mellorar infraestruturas clave, como a renovación da fosa séptica, paso imprescindible para cumprir coa normativa vixente.


Con respecto ás colonias felinas Bloque puxo en valor o traballo fundamental das alimentadoras felinas, persoas que de maneira totalmente altruísta coidan dos gatos da rúa, contribuíndo ao seu benestar e á correcta xestión das colonias. A edil do BNG lembrou que Ribeira conta cun número elevado de colonias, identificadas grazas a un estudo realizado no ano 2023, e que o seu correcto funcionamento pasa por continuar co método CER (captura, esterilización e retorno), atender animais enfermos e desenvolver campañas de concienciación. Pediu continuar coas propostas realizadas, apoiar e protexer este labor, facilitando recursos, mediando en conflitos veciñais cando sexa preciso e asumindo a súa responsabilidade institucional nun ámbito que non pode recaer unicamente no voluntariado.


Demanda do BNG para a posta en marcha do Punto Limpo Móbil


A concelleira Antía Alberte, demandou a posta en marcha do punto limpo móbil conseguido durante a súa etapa á fronte da Concellería de Medio Ambiente. Este equipamento é unha ferramenta fundamental para mellorar a xestión dos residuos no concello, ao facilitar a recollida de residuos especiais sen que a veciñanza teña que desprazarse até o punto limpo fixo situado en Xarás.


A adquisición deste punto limpo móbil foi posible grazas á implicación do goberno local encabezado polo BNG así como polo traballo do persoal técnico municipal. A iniciativa naceu coa vontade de achegar os servizos públicos ás parroquias e fomentar unha maior participación cidadá na separación de residuos, facendo máis doada e accesible esta tarefa.


“Ribeira conta cunha poboación altamente concienciada co coidado do medio ambiente, algo que se vén demostrando en iniciativas como as campañas municipais de compostaxe doméstica —nas que se esgotaron máis de 300 composteiros—, a implicación veciñal na resposta á chegada masiva de pellets ás praias en decembro de 2023 ou o desenvolvemento de proxectos de bosques comestibles en espazos urbanos como o parque de San Roque” defendeu Alberte Maneiro. Ademais, subliñou, que as institucións deben ser as primeiras en dar exemplo impulsando políticas públicas que garantan un futuro sostible para as vindeiras xeracións.


Ante o coñecemento de que está inoperativo, Antía Alberte reclamou que este servizo comece a rotar polas distintas parroquias, permanecendo arredor dunha ou dúas semanas en cada localización, adaptándose ás necesidades de cada parroquia e situándose en lugares céntricos e de paso. “O máis complexo xa está feito; agora só falta poñelo en marcha e comprobar o seu funcionamento”, sinalou a concelleira.


Outros asuntos


- Cesión do legado de Manuel Ayaso ao Concello de Ribeira. Aprobado por unanimidade
O BNG puxo o acento no valor simbólico e cultural da cesión da obra e da biblioteca de Manuel Ayaso ao Concello de Ribeira. Pérez Barral destacou a figura de Ayaso como artista e como persoa profundamente vencellada á súa vila, subliñando a xenerosidade do seu legado como un acto de amor á Ribeira. O Bloque defendeu a necesidade de estar á altura desa doazón, apostando por habilitar un espazo específico que permita conservar, difundir e achegar o seu legado ás novas xeracións. Do mesmo xeito reafirmamos a vontade de manter o consenso institucional arredor desta cuestión e de converter este patrimonio nun elemento da identidade cultural de Ribeira.


- Modificación dos estatutos da Mancomunidade Barbanza-Arousa. Aprobado por unanimidade
Luís Pérez defendeu con firmeza a modificación dos estatutos da Mancomunidade, cualificándoa como unha reforma necesaria e estratéxica para adaptar este ente supramunicipal aos retos actuais. Explicou que a ampliación de competencias permitirá traballar de forma comarcal en ámbitos como maquinaria común, mantemento de espazos públicos, actividades culturais e deportivas, mobilidade sostible, eficiencia enerxética, xestión de residuos ou protección animal, sempre desde a voluntariedade dos concellos.


- Proposta sobre mellorar a accesibilidade nas praias. Aprobado por unanimidade
O BNG valorou moi positivamente os avances en accesibilidade, en particular a mellora da praia de Coroso no marco do proxecto Ría de Arousa Accesible, recoñecendo expresamente o labor técnico e social da asociación Ámbar.
A concelleira Veva Betanzos tamén repasou os avances impulsados polo goberno do BNG en materia de prais e indicou como se duplicou o número de socorristas, pasando de 12 a 23 efectivos, aumentado o servizo de socorrismo de 3 a 5 praias, e ademais 3 delas contan co distintivo de calidade SICTED, o que converte as praias de Ribeira nunha referencia tanto a nivel turístico como de prestación de servizos públicos.

– Proposta sobre modificación do PXOM e facilitar a construción de vivenda en parcelas máis pequenas. Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PBBI, 1 edil non adscrita, 1 voto en contra de PSOE e 1 voto en contra de edil non adscrito
O pleno abordou unha problemática sobre as denominadas parcelas residuais recollidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2002, recoñecendo que existen situacións inxustas nas que parcelas quedan inedificables por estándares imposibles de cumprir nunha malla urbana xa consolidada. O Bloque mostrouse aberto a estudar excepcións regradas, amparadas na normativa, sempre que se fagan con rigor técnico e sen abrir a porta á arbitrariedade nin ao urbanismo á carta.
Pérez Barral defendeu a aplicación con criterios claros: imposibilidade real de agregación, respecto polos parámetros da contorna, integración urbana e ausencia de uso especulativo. A postura do BNG foi valorar a proposta en positivo, deixando en mans dos servizos técnicos a definición concreta das condicións e reservando ao Pleno a decisión final con todas as garantías.