O Pleno aproba o PMUS e a expropiación de terreos para o polígono industrial

Asuntos tratados no pleno de maio de 2022

A) Aprobación do regulamento municipal para uso non sexista da linguaxe.
A concelleira do BNG, Cruz Rivadulla, argumentou que este regulamento é necesario para avanzar desenvolver a igualdade de xénero e incidiu na necesidade de realizar campañas de concienciación social para favorecer a igualdade entre homes e mulleres.

Aprobado por unanimidade

B) Aprobación das alegacións presentadas ao Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS). Valoramos positivamente que se vaian incorporar as alegacións do Bloque ao novo PMUS. Coas alegacións presentadas cremos que se avanza no aumento de espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais para uso e desfrute da veciñanza. Esta visión implica unhas modificacións profundas na mobilidade e na conformación da trama urbana do centro de Ribeira pero tamén das súas parroquias.

As propostas presentadas polo BNG centráronse na mellora da mobilidade priorizando o tránsito peonil, os medios de transporte públicos e os non contaminantes, garantir a accesibilidade universal e aumentar a seguranza viaria e os aparcadoiros.

En materia de accesibilidade solicitamos acabar cos problemas que existen por todo o municipio por mor dos anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, postes mal situados, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc. Desde o BNG promoveuse a inclusión no PMUS de medidas que prioricen a plataforma única en todas as reformas que se fagan nas rúas e a creación dunha guía con criterios básicos que garantan a accesibilidade universal.

Con respecto ao transporte público velarase polo cumprimento dos horarios, habilitar o transbordo que evite o pago de dous billetes entre as persoas que viaxan entre parroquias, sinalizar as paradas e os horarios e promover a creación de tarifas reducidas para persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida. No tocante a outros medios de transporte o BNG arrincou o compromiso para que Ribeira demande a elaboración de senllos estudos sobre a viabilidade de crear unha conexión ferroviaria así como un estudo de beneficios e custos de establecer unha conexión marítima entre as dúas bandas da ría de Arousa.

Por último incorporáronse medidas para mellorar a seguridade dos pasos de peóns máis transitados e o calmado de tráfico nas estradas con beirarrúas estreitas ou preto dos contornos escolares. A única alegación que o goberno local rexeitou foi recuperar a xestión directa do aparcadoiro do Centenario para reducir as súas tarifas e habilitar bonos de desconto.

Con estas medidas propostas e con este Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) o goberno debe avanzar na resolución dos principais problemas que ten a día de hoxe o noso concello como pode ser a falta de estacionamentos acordes á demanda existente, os atascos e retencións que se producen reiteradamente en puntos concretos do centro urbano e, sobre todo, dialogar cos grupos e coa veciñanza antes de acometer reformas e obras que impliquen profundos cambios de mobilidade.

Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PSOE, SR e votos en contra de PBBI

C) Aprobación inicial regulamento Mesa de Mobilidade
Avalamos tamén o regulamento da Mesa de Mobilidade porque se atende a petición realizada polo BNG para mudar a Mesa de Peonalización pola de Mobilidade para integrar todos os asuntos relacionados coa mobilidade e co transporte do noso concello nun só órgano que, ademais, debe reunirse de maneira ordinaria cada tres meses.

Aprobado por unanimidade

D) Expropiación dos terreos para executar a senda peonil de Coroso
É un proxecto co que estamos de acordo porque facilitaría o tránsito entre a avenida da Coruña, Avenida da Paz coa praia de Coroso e suporía recuperar o entorno do río. O voceiro do BNG, Luís Pérez, reiterou a petición para recuperar un terreo contiguo á Escola Náutica-Pesqueira para facer unha pequena zona verde para uso e desfrute da veciñanza.

Aprobado por unanimidade

E) Expropiación dos terreos para o polígono industrial
O voceiro do BNG, Luís Pérez, desexou que os trámites avancen da maneira máis rápida posíbel porque o chan industrial é unha necesidade desde hai décadas en Ribeira. Pérez Barral recriminou que o Partido Popular desbotase, por intereses partidistas, o macropolígono industrial proxectado cando o BNG estaba na Xunta. Ese proxecto ía construírse onde hoxe se está planificando o novo polígono industrial de Ribeira e ía contar con 1 millón de metros cadrados que darían servizo a toda a Barbanza. Ademais contaría con gardería, naves modulares en réxime de alugueiro, etc.

Pérez Brral lamentou que a Xunta desatenda as súas obrigas e non faga o chan industrial que necesita o concello e por iso a iniciativa local ten que suplir ese desleixo. Desde o BNG instamos ao goberno local a axilizar todo o posíbel os trámites burocráticos porque a falta de chan industrial está provocando que haxa empresas que non poidan ampliarse e mesmo algunha xa marchou de Ribeira como é o caso de Cerqueira, empresa que creará 100 postos de traballo en Rianxo.

Aprobado por unanimidade

F) Modificación Base nº 51 do Orzamento
É un cambio para incrementar as subvencións a entidades sociais, culturais, deportivas, etc. ás cales Luís Pérez quixo parabenizar polo importante labor que desenvolven. O voceiro nacionalista lembrou que o BNG xa presentara unha emenda á totalidade os Orzamentos de 2021 porque os fondos asignados a estas entidades eran insuficientes e o tempo veu a dar a razón ao BNG, pois o goberno tivo que incrementalas.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 2.100€, Renacer 3.400€, AMBAR 3.400€, AMICOS 3.400€, A CREBA 3.400€, FAIBEN 3.400€, Padroado da Fundación Galega contra o Narcotráfico 2.500€, Programa Universidade de Maiores USC 11.669€, Centro Recreativo e Cultural de Artes 15.000€, Padroado do Museo do Pobo Galego 150€, Colaboración documental audiovisual “El Muro. Galicia frente al narco.” 6.000€, Festa da Dorna 2022 40.000€, Festa do Percebe 2022 15.000€, Club Náutico Ribeira 3.500€, Asociación Cultural Lajareu por Barlovento 2.000€, Asociación de Empresarios de Ribeira 5.000€, Escudería Ribeira Ría de Arousa 20.000€, Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla 601€, Fundación Museo Artes Grabado 8.190€, Mancomunidade de Municipios Arousa Norte 55.000€, Liceo Marítimo 3.000€, ICE Renovación 6.400€, Rede de Cidades pola Bicicleta 600€, Asociación Red Innpulso 1.500€, Federación Española de Municipios e Provincias 2.000€, Federación Galega de Municipios e Provincias 2.000€, Grupo de Acción Costeira Ría de Arousa 1.000€, Eixo Atlántico do Noroeste 12.000€, Agrupación de Desenvolvemento Local 1.200€.

Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

G) Suplemento de crédito
Incremento de 25000 euros a actividades culturais, 75.000 euros a festexos, 50.000 euros a actividades deportivas e 48.000 para acabar a estación de autobuses.

O grupo municipal do BNG apoiou esta proposta porque incrementa as partidas destinadas a cultura, festexos e actividades deportivas tal e como pedía o Bloque cando se debateron os Orzamentos pero que o PP se negou a incluír. Agora vemos como teñen que rectificar e incrementar as axudas a colectivos culturais e aumentar os investimentos nas actividades deportivas como Día da bici, andaina popular Santa Uxía, cursos de surf, windsurf, campionatos locais, etc.

Desde o BNG insistimos en que é necesario incrementar as partidas económicas para ás asociacións culturais, deportivas, sociais e ás comisións de festas  polo magnífico traballo que realizan. Ademais disto, solicitamos que todas as asociacións e entidades poidan solicitar o anticipo do 50% da subvención que se lle concedan.

Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PSOE, SR e abstención de PBBI

H) Aprobación dun crédito extraordinario 1/2022
O goberno local, apoiado polo PSOE, gastará 820.000 euros do remanente de tesouraría para liquidar e completar o pagamento de diversas obras xa realizadas ou en vías de remate. Desde o Bloque cremos que se fixo unha mala xestión pois, dentro deses 820.000 euros, hai gastos que deberían estar previstos como certas actuacións de mantemento ou o pagamento do contrato do alumeado público. Os créditos extraordinarios son para gastos imprevisíbeis e non para os que xa deberían estar previstos.

Aprobado cos votos a favor de PP e PSOE e abstención de PBBI, BNG e SR

I) Corrección de proxectos do Plan de Obras e Servizos (POS) ‘Plan Único’ da Deputación da Coruña

O goberno local, ante unha mala planificación e deseño dos proxectos tivo que presentar presentou para recibir fondos da Deputación da Coruña, tivo que volver a traer a pleno os proxectos para corrixilos.

Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE, SR e abstención do BNG

L) Proxectos para adecuación da curva “A Muiñeira” en Carreira e derrubo de dous edificios e creación dunha praza en Banda ó Río.
Investiranse 232.000 euros na compra de varias vivendas en Carreira que se aprobaron en novembro de 2020 e agora apróbase derrubar as vivendas, suavizar a curva da “Muiñeira” e crear unha praza nesa zona. Desde o BNG cremos que é unha actuación necesaria para garantir a accesibilidade e a seguranza viaria.

Con respecto á adquisición de dous edificios na rúa Romero Ortiz para derrubalos e crear unha praza pública. Desde o BNG apoiamos a actuación após falar con veciñanza da zona, a cal nos confirmou que era necesario para rematar co tráfico de estupefacientes. Nesta obra investiranse 164.000 euros

Ámbolos dous proxectos serán unha realidade se conceden a subvención do Fondo Galego de Rehabilitación da Xunta de Galiza. O portavoz, Luís Pérez Barral, solicitou que se pida o vindeiro ano esta subvención pero para rehabilitar vivenda para destinala a alugueiro a bo prezo mediante o cal a xente que desexa vivir e traballar en Ribeira poida ter vivenda asequíbel.

Aprobado por unanimidade

M) Proposta para instar á Xunta a incrementar o aparcadoiro no Hospital da Barbanza.
Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.