O Pleno aproba as propostas do BNG sobre melloras en Palmeira e no faro de Corrubedo

Proposta do BNG para poñer en valor o Faro de Corrubedo: o faro de Corrubedo construíuse no 1853 e é un dos máis espectaculares da Península Ibérica, único por situación, entorno e historia. Mais non vou falar da súa beleza xa que é recoñecida en todo o país. A situación do faro e entorno é desastrosa, cercado polos enreixados en mal estado, algunha porta aberta, camiños cortados… Un recurso importantísimo a potenciar, unha das xoias do Concello de Ribeira, atopámolo deste xeito, nun estado lamentábel, para ser visitado no verán.

Do faro de Corrubedo temos falado moitas veces no pleno e faise necesaria a recuperación e posta en valor como un elemento patrimonial moi importante, de grande valor paisaxística e cun grande atractivo para un turismo sustentábel e de calidade. No ano 2018 converteuse no cuarto faro, por autorización do Consello de Ministros, no que se poden desenvolver actividades de Hotel-Restaurante enmarcado no proxecto Faros de España. Está adscrito á Autoridade Portuaria de Vilagarcía que o sacou a licitación, obtendo a concesión, Rianxo Xestión de Empresas S.L. A superficie da concesión (por un período de 25 anos, prorrogábeis outros 5) é de 866,87 m2. Pois ben, en abril do 2018, informase que a empresa Construcións Método comeza as obras coa previsión de telas rematadas, segundo informa a concesionaria, ao final do primeiro trimestre do 2019 e poder abrir na Semana Santa. A día de hoxe, nada se fixo e van alá tres anos o que mostra como se está incumprindo o prego de condicións.

Cremos esta situación de abandono non contribúe a enxalzar a imaxe do Concello de Ribeira como debería, pois esta paraxe é moi visitada por miles de turistas ao longo do ano para poder contemplar un faro de singular beleza e un punto do litoral de Galiza desde onde se pode observar perfectamente as luces doutros faros como o de Fisterra e o das illas Cíes.

O pleno da Corporación aprobou de maneira unánime os seguintes puntos:

Esixirlle á Autoridade Portuaria de Vilagarcía que utilice a potestade inspectora que lle dá o prego para solucionar, de vez, os problemas coa empresa concesionaria.
Facer as actuacións necesarias para que, de xeito provisional, se realicen as melloras precisas para devolver ao faro e o seu entorno, de gran valor paisaxistico, o estado de visitábel con seguridade para a veciñanza e visitantes.
Solicitar a xestión das instalacións ligadas ao Faro que non teñan que ver coa seguridade marítima.

Aprobado por unanimidade

Proposta do BNG para realizar melloras en Insuela: tras recibir peticións da veciñanza de Palmeira o voceiro Xosé Vázquez, trasladounas a Pleno. ázquez lamentou que o PP ignora sistematicamente moitas das peticións que fan os veciños e veciñas das parroquias como se fosen veciños de segunda. “Esta situación supón un agravio comparativo, porque mentres se realizan importantes investimentos no centro urbano as parroquias quedan atrás unha e outra vez” esgrimiu. Vázquez considera que para fixar poboación no rural, desde as administracións públicas débense realizar os investimentos necesarios e na parroquia de Palmeira hai carencias e inconvenientes que cómpre atallar.

No caso concreto da Insuela, varias zonas estradas precisan ser dotadas de sumidoiros que recollan as augas da chuvia e tamén unha nova pavimentación que acabe coas fochancas, co deterioro do firme e coa pegada de diversas reparacións feitas con diferentes criterios. Tamén hai que retirar os postes do medio da estrada, pois supoñen un perigo para a seguridade viaria.

Propuxemos que o Concello de Ribeira incluíse en vindeiras partidas orzamentarias a dotación de recollida de augas pluviais e a pavimentación de diversas rúas do lugar da Insuela. Desde o BNG defendemos que Palmeira debe ter mellores investimentos e o goberno local debe atender coas demandas da veciñanza.

A proposta do BNG tivo unha emenda do PP, apoiada polo PSOE e coa abstención de SR, que propoñía arranxar a rúa da Insuela sempre e cando non haxa outras necesidades en Palmeira. Malia non aprobar o texto exacto proposto polo BNG seguiremos vixiantes para que se lle dea cumprimento ás demandas veciñais.

 Outros asuntos:

– Prórroga do contrato do Servizo de Axuda no Fogar á empresa Son a túa axuda SL. O concelleiro, Luís Pérez Barral, mostrou o agradecemento do BNG a todas as mulleres que sempre o fan un bo traballo pero que cómpre salientar todos os esforzos que levan feito ao longo dos dous últimos anos porque foron especialmente duros pola irrupción da pandemia e todo o que isto supuxo.

Malia que a atención domiciliaria é un servizo indispensable para moitas persoas, – dada a situación de dependencia na que se atopa unha boa parte da poboación galega nas vilas do rural e nas cidades -, temos que lamentar como o Partido Popular declarou o SAF esencial na primeira vaga da pandemia pero considerado de baixo risco de forma que a exposición aos contaxios foi tremendamente alta e isto non pode ser.

O Concello de Ribeira iniciou os trámites para adxudicar o servizo de axuda no fogar que presta desde o departamento de Servizos Sociais por un importe de 1.085.000€ no ano 2019. O prazo era dun ano e prorrogábel até un máximo de cinco. Desde o BNG sempre remarcamos a necesidade de camiñar cara á municipalización deste servizo porque isto implicaría mellorar as condicións laborais das traballadoras que prestan este servizo e tamén se melloraría a prestación por parte das persoas usuarias.

Entendemos que o prego de condicións proposto pola área de Servizos Sociais é correcto pero volvemos facer fincapé en que se deberían incluír cláusulas sociais nas que se lle esixa á empresa concesionaria garantías como melloras nas condicións laborais ou salariais, sobre todo nun sector no que maioritariamente traballan mulleres, concretamente nun 97%. A representante do BNG en Europa, Ana Miranda, xa ten denunciado múltiples casos de precariedade laboral e a Comisión Europea abriu un expediente para analizar este asunto.

-Aprobado cos votos a favor do PP, PBBI e abstencións de BNG, PSOE e SR

-Aprobación da modificación da ordenanza fiscal pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE, SR e abstención de BNG

-Bonificación dos tributos fiscais ás obras de mellora nas instalacións de AMBAR. Aprobado por unanimidade

-Proposta do PP para destinar cartos públicos a financiarlle o mantemento de caixeiros a entidades bancarias que fechen sucursais. Rexeitado cos votos en contra de PBBI, BNG, PSOE, SR, sendo apoiada unicamente polo PP.
Desde o BNG recriminouse a intención do PP de querer destinar cartos públicos ás entidades bancarias que fechan sucursais, despiden persoal e se enriquecen aumentando as comisións. O voceiro do BNG, Xosé Vázquez, reclamou que o Concello de Ribeira retirase os cartos públicos da entidade bancaria se mantén a política de feche de sucursais e redución de persoal nas oficinas. Vázquez puxo de manifesto todo o traballo do Bloque no Congreso e no Parlamento galego para crear unha banca pública que fose beneficiosa para as persoas aforradoras e empresas, cuestión que PP e PSOE vetan de maneira sistemática.

-Proposta para elaborar orzamentos participativos. Aprobada unha emenda do PP cos votos do PSOE que establece un máximo de 100.000€. Desde o BNG saudamos positivamente esta proposta porque está no ADN da nosa organización traballar de maneira asemblearia e onde a xente teña poder de decisión máis alá de cada catro anos votar nas eleccións. A participación popular é garantía de transparencia e polo tanto, tamén supón un combate directo e absoluto á corrupción que tanto preocupa á poboación pois é un dos problemas que sistematicamente se coloca nos primeiros postos cando o Centro de Investigacións Sociolóxicas fai inquéritos entre a poboación.
No programa electoral do BNG xa vén recollido a necesidade de impulsarmos a participación social na elaboración de plans e programas municipais e, particularmente, na elaboración dos orzamentos anuais por medio do mecanismo. Esta é unha medida que debería poñerse en práctica canto antes porque está demostrado que a veciñanza alí onde se lle permite decidir, faino de maneira moi sabia e os investimentos teñen unha mellor e maior aceptación.

-Proposta para que o Concello de Ribeira elabore un estudo para colocar puntos de recarga para vehículos eléctricos e ver que modelo de xestión é o máis axeitado. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.