O Pleno aproba a proposta do BNG para solicitar a ampliación e mellora do servizo de Correos

Oficina Correos Ribeira

Resumo dos asuntos tratados no pleno do mes de marzo de 2022

Proposta do BNG para mellorar o servizo de Correos e ampliar horario de atención: a empresa pública Correos ten a obriga de garantir un servizo público de calidade e accesíbel para toda a poboación quer sexa nas zonas urbanas, quer sexa nas zonas rurais e para iso é necesario o mantemento do Servizo Postal Universal.

O BNG demanda o reforzo do servizo de Correos e que a oficina abra polas tardes

Desde o BNG cremos preciso establecer unha estratexia en prol do mantemento da actividade de correos, especialmente en sectores relevantes como a distribución de paquetes que agora realiza Correos Express, para o que opta de forma crecente pola contratación de persoas autónomas. Na defensa da proposta, o portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, argumentou que “este tipo de actuacións son, no fondo, unha maneira de privatización xa que se baleira de clientes a empresa matriz no canto de apostar por realizar tódolos servizos con persoal propio, cuestión que permitiría manter e mellorar o servizo público universal de correos”.

Ribeira é un concello cabeceira da comarca da Barbanza e conta cunha poboación de case 27.000 habitantes, esta poboación aumenta sensibelmente no período estival. Pérez Barral é claro: “xa coa poboación que presenta o concello sen contarmos os incrementos estacionais, é necesario contar cun servizo de correos moderno, eficiente e dimensionado”. Valoramos positivamente a modernización das instalacións feitas hai uns anos mais cremos que é o momento de demandar unha mellora na atención que se lle presta ao público.

Esta proposta, alén de contar co visto bo do persoal de Correos, foi moi ben acollida entre a poboación ribeirense, xa que na mesa de recollida de sinaturas acadáronse en pouco tempo unhas 500 sinaturas que serán presentadas no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A proposta pretende aumentar o horario de atención ao público incrementando a apertura da oficina en horario de tarde. Esta medida, ademais de xerar novos postos de traballo, redundaría en beneficio da veciñanza de Ribeira, facilitaría unha atención máis cómoda, un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais, con menor tempo de agarda e facilitando unha mellor organización do traballo das empresas, do comercio e das persoas usuarias. Tamén se pide cubrir as vacacións e baixas médicas do persoal porque na actualidade non se cobren o que provoca unha sobrecarga no resto do persoal.

A proposta aprobouse por unanimidade

Outros asuntos:

[A] Comunicación de ‘Axiña servizos deportivos’ da renuncia á segunda prórroga da prestación do servizo de monitorado, masaxe, socorrismo, conserxaría, etc. da Fieiteira.
A privatización de todo o monitorado foi aprobada no ano 2016 por parte do goberno local co apoio de IPR. Privatizouse a prestación deste servizo por 1.160.000€ por un período de 4 anos extensíbel a 6 anos.

A alternativa presentada polo BNG no seu día e apoiada por PSOE e C’s, era a de manter o servizo público coa convocatoria de emprego público. Esa alternativa tamén a defendemos hoxe porque suporía un aforro económico para as arcas municipais que no seu día xa cifrabamos en 360.000€ ao non ter que pagar IVE nin beneficio económico da empresa.

No BNG defendemos a nosa proposta en base ao artigo 26 da lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local onde establece que os servizos mínimos que un concello de máis de 20.000 habitantes debe prestar, entre outros, tamén están os servizos deportivos:

A xestión pública é posíbel e así nolo din os servizos xurídicos da Deputación da Coruña e o propio persoal municipal consultados. Polo tanto, xa que é legal, o goberno local debería prestar ese servizo de maneira directa baseándose nese artigo da lei 7/1985 onde se establece que esta prestación pode considerarse “un servizo público esencial”.

Modificación da ordenanza fiscal sobre o imposto sobre o incremento dos terreos urbanos e derrogación da taxa de lonxa.
En cumprimento co ditame do Tribunal Supremo eliminando varios artigos da Lei reguladora das facendas locais anulando a plusvalía. Por outra banda derrógase a taxa de lonxas por non ter o Concello este tipo de servizo. Aprobado por unanimidade

[B] Proposta sobre o rexeitamento ao proxecto elaborado polo goberno local para a rúa Castelao en Aguiño.Plano reforma rúa Castelao Aguiño

A reforma que se pretende desenvolver conta con varios problemas que non é a primeira vez que acontecen cando se fan actuacións promovidas por este goberno local e xa son incontables as veces se repiten os erros pasados.

Un dos principais problemas nos que o goberno local cae, ten que ver coa teima de querer facer os proxectos sen contar coa participación social e veciñal necesarias para que os proxectos sexan ben acollidos por parte da veciñanza. Este proxecto non foi consultado cos veciños e veciñas que viven nesa rúa, só se fixo unha presentación cando se tiña todo o proxecto feito e sen dar posibilidade a achegar melloras necesarias. Desde o BNG cremos que todos os proxectos que se fan desde o Concello deben contar coa participación social das veciñas e veciños porque se non se fan co seu visto bo, é cando xorde o malestar que o goberno local está provocando co seu modo de traballar.

Sabemos por experiencia que gastar moitos cartos non implica que se vaia mellorar a zona e sabémolo ben polas recentes reformas e actuacións que se fixeron en Ribeira. Outro dos graves problemas que ten o proxecto presentado polo goberno local é que decide investir un millón de euros para aumentar o cemento, eliminar os aparcadoiros e provocar problemas de tráfico. Isto xa pasou nas Carolinas ou no Malecón, onde o goberno de Ruiz Rivas, gastou máis de millón e medio de euros para facer precisamente iso, reducir aparcadoiros, provocar problemas de tráfico e aumentar o cemento.

Se algo sobra neste concello é cemento, precisamos zonas verdes e espazos onde a xente poida desfrutar do seu tempo libre, esa é a proposta que defende o BNG.

Con respecto á mobilidade, no BNG levamos tempo facendo propostas que supoñan cambios na mobilidade. Efectivamente somos defensores da plataforma única para garantir a accesibilidade universal, a mellora do transporte público ou o fomento da bici, pero aquí xorde unha dúbida, de que vai servir un carril bici que nace e morre na mesma rúa? Vai ser un carril que estará illado do resto de carrís bici porque non hai proxecto global. Volve evidenciarse que o Partido Popular goberna a golpe de impulso e non planifica, de aí que haxa o caos urbanístico e de tráfico.

Desde o BNG estamos a favor de todas as actuacións que promovan a accesibilidade universal, promovan outra mobilidade máis saudábel e respectuosa co medio natural. A veciñanza de Aguiño desexa ver actuacións que permitan mellorar o lugar no que viven tendo voz e voto pero o goberno local aprobar un proxecto decidido polo Partido Popular, que esperta malestar, ante o que hai unha forte oposición veciñal e que non vai implicar un aumento das zonas verdes ou dunha mellora substancial na calidade de vida da veciñanza de Aguiño.

Aprobouse unha emenda do PP cos votos a favor de PP, PSOE, votos en contra de BNG e PBBI e a abstención de SR

[C] Proposta para garantir unha maior transparencia e accesibilidade á información municipal. Aprobada cos votos a favor de SR, PSOE, BNG, PBBI e abstención do PP

[D] Proposta para realizar un monumento en Ribeira que lembre as vítimas represaliadas polo fascismo durante a ditadura. Aprobada por unanimidade

Intervención do BNG: As Corporación Municipais de moitos lugares do Estado español aínda están en débeda coas vítimas da ditadura franquista. Transcorreron máis de 43 anos desde que se aprobou a Constitución e do regreso da democracia pero as demandas das asociacións de vítimas para que haxa xustiza, verdade e reparación non estarán suficientemente atendidas mentres a simboloxía franquista estea presente no espazo urbano. Sobre todo se aínda existen, a día de hoxe, rúas, placas conmemorativas e nomeamentos de fillos adoptivos e predilectos que celebran a memoria de cargos franquistas en distintos lugares do país, cuestión que coñecemos ben en Ribeira. Ante esta situación, a chamada Lei da Memoria Histórica e as recomendacións da ONU dos anos 2013 e 2014 emprazan as distintas administracións a retiraren toda a simboloxía que enxalza o franquismo. Moitas organizacións e grupos de persoas afectadas expoñen que, con esta simboloxía aínda en pé, seguen a considerarse vítimas de segunda categoría.

A retirada de toda a simboloxía enaltecedora da ditadura franquista é unha das primeiras medidas reparadoras que cómpre adoptar. Así o entendeu o Parlamento de Galiza cando aprobaba por unanimidade o 18 de xullo de 2016 unha declaración institucional para “eliminar as denominacións e as referencias franquistas das rúas e edificios públicos”. A actuación das administración públicas, neste sentido, debe encamiñarse cara á procura da consideración xeral dos cidadáns, prestixiando a persoas ou institucións que promovan valores de diálogo, paz ou defensa da cultura como medio de convivencia entre os diferentes pobos.

Tendo en conta todo o exposto ata aquí, no Bloque cremos que é imprescindíbel realizar actos de recoñecemento ás vítimas como o celebrado no cemiterio de Boisaca o pasado mes de xaneiro para honrar ás vítimas asasinadas polo fascismo.

Agora ben, debemos tamén realizar actos e recoñecementos no propio concello que permitan dignificar a súa memoria e condenar os verdugos. Por iso desde o BNG se impulsou en febreiro de 2021 a retirada de honras a fascistas declarados como Miguel Rodríguez Bautista, Diego Delicado, Fernando Suárez de Tangil ou José María Rivero de Aguilar Otero.

Consideramos que tamén se debería optar por unha cuestión concreta como é a escolla do tipo de recoñecemento que se vai facer e para iso tamén debemos contar coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza. Unha opción que quizais podería acadar un amplo consenso é a construción dun monumento que lembre a súa memoria e, parello a isto, un prazo temporal para levar a diante o cumprimento deste acordo.

Desde o BNG mostramos o noso apoio a esta proposición e lamentamos que no seu día o PP e o PBBI votasen en contra de cumprir coa lexislación pero sobre todo, cumprir co deber ético e moral que como Corporación Municipal lle debemos ás persoas que deron a súa vida pola democracia.

[E] Proposta para mellorar un camiño público no lugar da Ponte en Artes. Aprobada por unanimidade.

[F] Proposta para avanzar na implementación de praias accesíbeis en Ribeira. Aprobada por unanimidade

[G] Declaración institucional en apoio ao pobo ucraíno asinada por tódolos grupos da Corporación Municipal.
1. Condena a agresión de Rusia a Ucraína e mostra a total solidariedade co pobo ucraíno.
2. Pide un inmediato alto o fogo e a retirada das tropas rusas do seu territorio.
3. Respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e aos Acordos de Minsk, así como a traballar pola resolución do conflito no marco da ONU e da OSCE.
4. Retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas para acadar acordos de paz duradeiros.
5. Que o goberno municipal de Ribeira faga o maior esforzo posíbel na acollida de persoas ucraínas, garantíndolle unha vida digna.
6. Que coa finalidade de axudar ás economías familiares e aos sectores económicos prexudicados, todas as Administracións (Concello de Ribeira, Deputación da Coruña, Xunta de Galiza, Goberno do Estado e Unión Europea) implementen o maior número de medidas ao respecto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.