O Mundo ao revés

Imaxinan que no Consello da Xunta de Galiza, no canto de, por exemplo, acordar a construción dun Polígono Industrial e mesmo un Centro de día para enfermos de Alzheimer en Ribeira, poñamos por caso, se puxeran os conselleiros e conselleiras a ler o xornal, pasar papeliños con risiñas cómplices e, como resultado final da xuntanza, acordaran “instar ao Concello de Ribeira a verificar a orixe dos cheiros que afectan á poboación e tomar as medidas precisas para solucionar o problema”? Imaxinan que na mesma sesión o Consello da Xunta acordara “solicitar do Concello de Ribeira o arranxo urxente da Praza dos Muíños”? Ou que tamén solicitara “que o Goberno Municipal de Ribeira leve a cabo no seu ámbito territorial un Plan de fomento do transporte público”? Dirán que non; que non o imaxinan. Porque de ser así, estaría a Xunta de Galiza deixando de exercer as funcións que ten encomendadas polo ordenamento legal e meténdose nas que o mesmo ordenamento atribúe aos Concellos. Dirían que se trata dun “mundo ao revés”, non si? Pois non, o mundo non está ao revés… de todo, pero hai quen pretende que así o pareza.

No Pleno do Concello de Ribeira do pasado mes de xaneiro o goberno municipal, do Partido Popular, xa sabemos, levou adiante as súas “iniciativas de goberno” nas que se instaba á Xunta de Galiza “a facer melloras na AC-305”, ou nas que se pedían “arranxos no Porto” ou se demandaba un “mellor funcionamento do Parque Natural de Corrubedo”.

Ben está que un Goberno Local se dirixa a instancia superior demandando melloras en cuestións que son competencia dela. Pero é que para tal cousa non é preciso ningún acordo do Pleno Municipal, abonda unha carta do Alcalde ou, mellor aínda, unha xestión sostida buscando a colaboración coa instancia á que se dirixe. Cal é logo o interese do PP de Ribeira para insistir nestas actuacións que non conducen ao obxectivo que aparentemente se pretende? Vostedes dirán.

O que xa non está tan ben, a non ser nun mundo ao revés, é que o mesmo goberno municipal tan dilixente á hora de “lembrar” aos demais as súas obrigas, esqueza as propias e diga NON, no mesmo Pleno, a iniciativas do BNG, con amplo respaldo cidadán, que propoñen actuacións necesarias para poñer fin á grave situación na rede de sumidoiros de Ribeira ou para levar a cabo un Plan de mellora do transporte público ou arranxar a Praza dos Muíños que, estes si, son asuntos de exclusiva competencia do goberno municipal.

Non faría máis que cumprir a súa obriga se o Goberno explicase á cidadanía por que non determina a procedencia dos vertidos ilegais que provocan os cheiros, tal como se acordou no Pleno hai máis dun ano. Ou por que non se fixo un estudo técnico serio que conducira a unha solución definitiva que é o que agarda a cidadanía que padece, día si día tamén, a peste procedente da rede de sumidoiros.

Lonxe disto, de cumprir as obrigas, volvemos escoitar un NON dos alegres rexedores porque “xa están niso”.

É-vos o mundo ao revés e habería que darlle volta.

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.