O goberno municipal aborda coa veciñanza de Aguiño a remodelación da rúa Castelao

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e os concelleiros Vicente Mariño, Fernando Abraldes, Francisco Suárez-Puerta e Xabier Vidal mantiveron unha reunión na parroquia de Aguiño para abordar as actuais obras que o Concello está levando a cabo na rúa Castelao; nun esforzo por “consensuar coa veciñanza as actuacións que se están a realizar” segundo afirmou o rexedor Luís Pérez Barral.

A actuación da rúa Castelao foi posta en marcha polo anterior goberno de xeito unilateral sen ter en conta o parecer da veciñanza da parroquia. Os actuais membros do equipo de goberno, naquel entón na oposición, xa solicitaban abrir un diálogo coa veciñanza que permitira incorporar melloras que fosen aceptadas pola maioría social. Agora, dende o actual goberno municipal estivéronse a estudar tódalas vías posibles para facer fronte ás peticións da veciñanza, pero os informes técnicos resolven que non é viable incorporar certas melloras debido ao estado avanzado da obra, que impide modificar a actuación conforme ás demandas veciñais. Doutra banda, a obra está suxeita a fondos europeos que impiden facer cambios sustanciais no proxecto.

Atendendo ás demandas da veciñanza, o novo goberno intentará “adaptar o sentido da circulación na rúa Castelao e as rúas colindantes para evitar problemas no tránsito do tráfico” afirmou Vicente Mariño. Tamén se manterán as zonas verdes existentes e realizaranse actuacións para mellorar a accesibilidade ao Centro de Saúde. “Estivemos estudando tódalas alternativas posibles xunto cos técnicos do Concello para acadar tódalas melloras posibles neste proxecto” explicou Luís Pérez.

O rexedor e o tenente de alcalde, Vicente Mariño, reafirmaron asimesmo o seu compromiso para realizar actuacións na rúa Francisco Lorenzo Mariño e mellorar a accesibilidade da mesma. O concello está a traballar para que a vía poida estar asfaltada na maior brevedade de tempo e sen fochancas. “Seguiremos a realizar reunións en Aguiño; porque a veciñanza é a que mellor coñece as necesidades da parroquia e ten dereito a decidir donde se destinan os recursos do Concello” concluiu Luís Pérez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.