O equipo de goberno mantivo unha reunión coa veciñanza de Palmeira co propósito de informar das actuacións que o Concello está a levar a cabo na parroquia e recoller todas as inquedanzas que ten a veciñanza en diferentes eidos.
“Estos encontros abertos axúdannos á hora de priorizar actuacións para incluír nos orzamentos municipais” afirmou o rexedor Luís Pérez, quen destacou a importancia de establecer un diálogo coa veciñanza para conseguir que os recursos municipais se asignen de xeito eficaz e acorde ás necesidades reais da comunidade.
Informouse das obras pendentes de adxudicar na parroquia; como a ampliación da liña de auga na rúa Río Azor, cun orzamento de 115.498,47 euros, a renovación do parque infantil da Horta do Cura e mellora da accesibilidade, cun orzamento de 128.322,11 euros; e o saneamento con bombeo e abastecemento no Lugar de Lixó, cun orzamento de 149.876,17 euros. Doutra banda, a renovación do abastecemento da auga, dotación de pluviais e saneamento e pavimentación da rúa da Cambra, xa en marcha e cun orzamento de 65.201€ rematará a finais do mes que ven.
A veciñanza trasladou a necesidade de acometer varias actuacións relacionadas co mantemento da infraestrutura e mellora da seguranza viaria. Pola súa parte, o equipo de goberno reafirmou o seu compromiso de seguir incrementando a rede de servizos básiocos e saneamento; así como a mellora da pavimentación das estradas na parroquia.