A instalación dunha antena de telefonía móbil de 43 metros de altura en Palmeira desatou a preocupación veciñal nesta parroquia do Concello de Ribeira. A obra, iniciada sen ter todos os permisos sectoriais requiridos, incluídos os de Industria, suscitou preocupación e rexeitamento por parte da poboación residente, que teme as consecuencias para a súa calidade de vida e o impacto visual da infraestrutura na súa contorna.
Ante o inicio dos traballos a veciñanza informou da situación ao goberno municipal, que actuou con rapidez e decidiu paralizar a obra no día de onte, exercendo a súa responsabilidade para garantir que as actuacións se axusten á normativa vixente.
Compromiso do goberno local coa veciñanza
Na xornada de hoxe, o alcalde, acompañado por concelleiros e concelleiras do goberno local, visitou a zona afectada para escoitar de primeira man as preocupacións dos veciños e veciñas. Durante a visita, Pérez Barral explicou detalladamente os aspectos técnicos da obra e mostrou o apoio á demanda veciñal de trasladar a antena a outro emprazamento que cause un menor impacto nas vivendas próximas.
Ademais, o rexedor informou os presentes de xa falou co responsable da empresa encargada da construción da antena para abrir unhas negociacións co obxectivo de acordar un cambio na localización da infraestrutura. Neste sentido a empresa comprometeuse co alcalde a non iniciar as obras até que non se vexan alternativas á localización proposta. Por isto, dende o Concello animan á cidadanía para colaborar coa Administración Local identificando parcelas alternativas na contorna, pero lonxe das vivendas, que poidan acoller a antena sen prexudicar aos residentes.
Diálogo e solución consensuada
O alcalde destacou que o Concello entende a importancia de mellorar a conectividade na zona, pero subliñou que isto debe facerse respectando os dereitos da veciñanza e cumprindo estritamente cos procedementos administrativos. “A nosa prioridade é atopar unha solución equilibrada que evite problemas innecesarios a quen reside nesta área”, afirmou. Pérez Barral asegurou que van defender os dereitos da poboación por todas as vías que sexan necesarias.
Pola súa banda, os veciños e veciñas valoraron a disposición do goberno local para mediar no conflito, aínda que insistiron no seu desexo de que a antena sexa instalada nun lugar que non afecte directamente as vivendas.
Próximos pasos
O Concello continuará traballando nas próximas semanas para identificar posibles alternativas de localización e manterá informada á poboación da zona sobre os avances nas negociacións coa empresa responsable.
Esta actuación reflicte o compromiso do Concello de Ribeira coa transparencia e a defensa dos intereses da súa cidadanía, asegurando que as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento non se implementen en detrimento do benestar veciñal.

