Hoxe o Concello celebrou unha reunión do Consello Sectorial de Pesca, órgano colexiado onde está representado todo o sector do mar do municipio. O propósito do encontro foi a de trasladarlle ao sector tódalas accións que dende o Concello de Ribeira se están levando a cabo para atallar a crise ambiental dos pellets que están achegar aos areais de toda Galiza; así como saber o sentir do sector do mar sobre este problema que está a afectar a toda a costa.
Na reunión estiveron presentes a Confraría de Pescadores San Pedro, Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, Confraría de Pescadores de Palmeira, Asociación de Armadores do Arrastre, Asociación do Cerco de Ribeira e Aguiño, Asociación de Empresarios de Ribeira, UGT, CIG e tamén membros de grupos municipais.
“Ademais das limpezas, a Brigada Municipal de Emerxencias está monitorizando a costa cun dron e tamén con axentes a pé.” explicou o alcalde Luís Pérez. “Dende o Concello tendémoslle a man a outras administracións para coordinar esforzos pero precisamos da súa implicación para atallar este problema”.
Os representantes do sector do mar trasladáronlle ao equipo de goberno a súa preocupación respecto da relevancia mediática que esta crise está a ter, e como a mesma pode afectar ao consumo de producto pesqueiro. “Dende o Concello facemos unha firme defensa do sector do mar e reivindicamos a excelente calidade do producto pesqueiro” afirmou o alcalde Pérez Barral.
Deste xeito, o Consello Sectorial concluíu varias resolucións; a primeira, o chamamento a toda a poboación para que siga a consumir peixe e marisco galego; ante a ausencia de estudos científicos que proben o impacto deste granulado de plástico no sector da pesca. A segunda, a de instar a todalas administracións a poñer os recursos e o persoal suficiente para facer fronte a esta crise ambiental.
“Ata o día de hoxe o Concello de Ribeira estivo atallando a chegada de boliñas de plástico en solitario a través da Brigada Municipal de Emerxencias e da brigada de limpeza” lembrou Pérez Barral. “Dende o Consello sectorial de pesca instamos ás administracións a que nos axuden a atallar este problema”.
A terceira resolución do Consello foi a de “fornecer de información e que as administracións se coordinen á hora de establecer protocolos de limpeza.” A concelleira de Medio Ambiente Antía Alberte e o edil de Mar Fernando Abraldes resaltaron que, a día de hoxe, “as nosas confrarías non están informadas de que pasos vai a dar a Xunta para poder atallar esta crise. Precisamos canles de información abertas e directas, tal e como facemos dende a Administración local”.
Por último, dende o Consello Sectorial de Pesca, instará ás administracións a facer os cambios lexislativos oportunos para que os microplásticos se transporten de xeito diferente. “Sabemos que a lexislación europea está neste momento en debate e non pode ser que pola perda dun buque se estea a crear este problema ambiental e económico”.