Rescindidos os contratos do Apeadeiro de Autobuses e da Biblioteca Municipal e aprobadas sancións ás adxudicatarias. O Concello de Ribeira resolveu estes dous contratos debido á parálise das obras por parte das construtoras. A Biblioteca Municipal foi adxudicada en maio de 2023 cun orzamento de 1,3 millóns de euros. A pesar dos requirimentos a construtora non iniciou a obra.
De igual xeito, o Concello resolveu o contrato de construción do pendello da Estación de autobuses de Ribeira, unha obra valorada en 65.000 euros que comezou en 2021 e que non deu avances até o día de hoxe. “Despois de varios requirimentos á empresa, procedemos á rescisión do contrato e á imposición de penalizacións”, sinalou o equipo de Goberno, engadindo que a sanción conxunta a ambas empresas ascende a 55.000€, ao que se suma a prohibición de contratar calquera tipo de obra pública nos vindeiros tres anos “evitando que os ribeirenses teñamos que sufrir demoras na contratación de infraestruturas básicas, como o é o caso do transporte público”.
O alcalde, Luís Pérez, destacou así mesmo que as persoas usuarias do transporte público “deben sufrir as inclemencias da meteoroloxía, non dispoñen de baños ou de atención presencial”, cuestión que tanto o Concello como a cidadanía queren “emendar de maneira inmediata”. Apuntou: “Para este Goberno municipal é moi importante garantir que a poboación teña unhas prestacións de calidade, por iso dende a vindeira semana a brigada de obras municipal comezará a traballar na nave da estación de autobuses para que a infraestrutura poida estar aberta cando antes”. Pérez Barral lembrou que as actuacións conxuntas do galpón e a pérgola ascenderon a 350.000 euros. Engadiu que dende o Concello estanse a estudar vías legais para solicitar unha indemnización por danos e prexuízos debido á demora inxustificada na realización destas dúas actuacións.