O Concello realizará obras de pavimentación e saneamento en Palmeira e Olveira

O Concello de Ribeira adxudicou as obras de saneamento e pavimentación da Rúa da Cambra, en Palmeira, cun orzamento de 65.201euros e un prazo de execución de 3 meses.

Na actualidade a Rúa da Cambra presenta un pavimento de formigón en mal estado e redes de servizos antigas e moi deterioradas; polo que se proxecta a mellora das condicións de accesibilidade e funcionalidade da zona, modernizando a rúa e creando unha plataforma única; dando preferencia ao tránsito peonil. Tamén se realizará un pavimentado de formigón con lousas de granito e renovaranse os servizos de saneamento, pluviais e abastecemento de auga potable.

Con respecto á parroquia de Olveira adxudicáronse as obras de pavimentación e saneamento no lugar de Sirves con un orzamento de 71.786 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Neste lugar existen tres camiños que presentan un firme moi deteriorado, polo que é preciso proceder a súa pavimentación para que se poida circular polos mesmos en condicións seguras. Ademais, en dous camiños, non hai rede de saneamento, polo que se instalará unha liña de 390 m para proporcionar este servizo á veciñanza do lugar.

“Dende o equipo de goberno seguiremos traballando para proporcionar estes servizos básicos en tódalas parroquias e lugares que o precisen” afirmou o alcalde Luís Pérez. “A pavimentación e o saneamento son elementos fundamentais para o desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida nas parroquias”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.