O Concello de Ribeira realiza melloras no colexio O Grupo habilitando novas aulas nas antigas dependencias da policía

O Concello de Ribeira avanza no mantemento dos colexios do municipio e acaba de rematar os traballos para habilitar un aula no baixo das antigas dependencias da comisaría de policía.


Segundo informaron as concellarías de Educación e Obras, a rehabilitación fíxose grazas ao traballo da brigada de obras que foi a encargada de realizar as tarefas de tirar tabiques, facer uns novos, colocar portas novas, fechaduras, porta antipánico, chan laminado en wpc, encerado, instalación de pizarra electrónica e proxector, zócalo e instalación de retretes infantís.

O Grupo é o colexio con maior número de nenos e nenas matriculados do municipio, cun total de 402. No edificio anexo de infantil estase a preparar a instalación dun ascensor e afectará a dúas aulas polo que se terá que trasladar a actividade docente ás aulas habilitadas nas antigas dependencias da policía que veñen de ser renovadas polo Concello de Ribeira.

Tamén xa está licitado o cambio de cuberta na antiga comisaría que permita evitar as humidades e filtracións de auga ao tempo que se garante a eficiencia enerxética.