O Concello de Ribeira deixou sen executar o 53% do Orzamento de 2021

Resumo dos asuntos tratados no pleno ordinario de setembro de 2022

A Conta Xeral é un conxunto de documentos que o Concello debe elaborar unha vez finalizado o exercicio para informar sobre cuestións como a situación patrimonial, é dicir, a situación dos bens e dereitos da Entidade local, do seu financiamento e do seu patrimonio neto ao final do ano, dos gastos, ingresos e beneficios e perdas do Concello durante o exercicio ao que se refire ou a maneira de como se executou o orzamento, é dicir, a Conta Xeral ofrece información sobre canto e en que se gastaron os fondos públicos e os recursos que se obtiveron no ano.

Se botamos a vista atrás, o Orzamento de 2020 tan só se executou nun 54%, ou o que é o mesmo, o 46% dos cartos habilitados deixáronse sen gastar pola inoperancia do equipo de goberno do Partido Popular. Esa baixa execución produciuse no ano da pandemia, cunha crise sanitaria e económica, ano no que a xente precisaba que o goberno local fixese todo o posíbel para axudar os ás persoas máis vulnerábeis e os sectores económicos máis damnificados.

Está claro que se algo vai mal, sempre é susceptible de empeorar, porque se en 2020 se executaba un escaso 54% do Orzamento de gastos, en 2021 redúcese a pouco máis do 46%, concretamente 46,35% do total orzamentado..

Desde o BNG xa lles advertíamos que o pacto entre PP e PSOE para aprobar os orzamentos de 2021 era un “fake” porque implicaba aprobar uns orzamentos irreais. O señor Vilas e o señor Ruiz, incluían nesas contas os fondos EDUSI que xa se incluíran tamén nos Orzamentos de 2017, remanentes, créditos extraordinarios e préstamos para dar un titular xornalístico baleiro de que Ribeira un dos orzamentos máis altos da súa historia. Evidentemente ao BNG non lle colaron esas trolas porque sabiamos, por experiencia, que o que a execución ía ser moi baixa como xa se está a comprobar.

Desde o BNG non apoiamos unha Conta Xeral que reflicte que a parálise que o Partido Popular está somentendo ao Concello de Ribeira é cada vez máis grave porque non se executan nin a metade dos Orzamentos. As consencuencias desta baixa execución tradúcese no atraso de obras que solucionen os problemas da veciñanza, non se xera dinamismo económico e emprego no municipio, entre outras.

Votos a favor de PP, PSOE, en contra de BNG e PBBI e abstención de SR

Festivos locais para 2023: o debate sobre cales serían os festivos locais para 2023 desenvolveuse no pleno municipal celebrado este luns 26 de setembro no que finalmente se aprobou a proposta presentada unilateralmente polo Partido Popular decaendo a proposta alternativa rexistrada de maneira conxunta por BNG e SR e apoiada polo PSOE e a hostalaría de Ribeira. A proposta aprobada declara festivos locais o 24 de xullo, día da Dorna e o 12 de setembro, día de Santa Uxía mentres que a proposta alternativa apostaba por preservar o martes de entroido e o día da Dorna.

O goberno local elimina un dos festivos históricos en Ribeira, o do martes de Entroido. O festivo de Entroido instaurouse en 1985 e desde aquel ano consolidouse como unha das xornadas festivas esenciais para a hostalaría ribeirense e tamén para a veciñanza que participa dos festexos. “Desde o punto de vista económico supón uns ingresos que lle permiten á hostalaría capear os duros meses de inverno, máxime se temos en conta a grave crise económica que afrontamos cunha suba xeralizada de prezos, enerxía, etc. Desde o punto de vista social é unha data na que participa moita xente e asociacións coa realización de murgas, pasacalles ou festas de disfraces”.

Sobre o festivo da Festa da Dorna, consideraromos que permite que moita veciñanza do municipio poida descansar e gozar dos actos do día grande deste festexo declarado de interese turístico e que atrae a milleiros de persoas chegadas desde moitos puntos da xeografía. Ademais, existe un acordo plenario aprobado no seu día no que se declaraba “declarar, a partir de 2016 e de xeito permanente, agás cando coincida en domingo, o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna, festivo local”.

Cremos que o executivo local errou actuando de maneira unilateral sen contar cos sectores máis afectados como son a hostalaría e o comercio e ignorando aos grupos da Corporación Municipal. O alcalde presenta a súa proposta “in extremis” e con tan só 3 días hábiles antes de sometelo a votación. “O voto en contra de PP e PBBI á proposta alternativa, supón unha estocada á hostalaría e ao propio Entroido, mentres que a proposta alternativa apostaba por preservar o martes de Entroido e o día da Dorna, ademais de potenciar as festividades da patroa” resaltou o portavoz do BNG.

Barral defendeu a súa proposta porque “permitiría a asistencia da veciñanza aos actos lúdicos e o concello rendibilizaría máis o investimento públicos que fai para facer posíbel a realización dos mesmos. Esta organización dos festexos consolidaría as festas patronais na segunda fin de semana de setembro facéndoa referente a nivel comarcal e non impediría, de ningunha maneira, que os actos relixiosos e/ou institucionais do día da patroa se realizasen o propio día 12 de setembro”.

Outros asuntos

A) Debate sobre a xestión do alcalde no expediente da gasolineira Puntos de Bajo Coste SL. Neste punto aprobouse a reprobación do alcalde de Ribeira porque debido á mala xestión realizada existen sentenzas xudiciais que declaran que a licenza se outorgou fóra da lei. A reprobación foi aprobada cos votos a favor de BNG, PBBI, SR, abstención do PSOE e votos en contra do PP.
Para ter máis información deste asuntos ver a intervención do portavoz do BNG no pleno extraordinario de xullo de 2022

B) Plan de Obras e Servizos Adicional (POS) da Deputación da Coruña para financiar a renovación dos servizos na rúa Curbelo de Aguiño cun importe de 111.800 euros e a mellora da accesibilidade, renovación do parque e pavimentación no entorno da horta do Cura de Palmeira por 139.400 euros. Aprobado cos votos a favor de BNG, PP, PSOE, PBBI, SR

D) Expropiacións de terreos para executar o proxecto da senda peonil de Coroso. Aprobado cos votos  favor de BNG, PP, PSOE, PBBI e abstención de SR

C) Expropiacións de terreos para executar o proxecto de senda do rego Pedrín. Aprobado cos votos  favor de BNG, PP, PSOE, PBBI e abstención de SR

E) Proposta para fomentar o alugueiro social en Ribeira facilitando o acceso á vivenda. Aprobada cos votos a favor do BNG, PSOE, PBBI e SR, votos en contra do PP

D) Proposta para regular e varias rúas do centro de Castiñeiras. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.