O Concello de Ribeira adxudica a renovación de servizos nas parroquias de Corrubedo, Artes e Aguiño

O Concello de Ribeira ven de adxudicar a pavimentación e instalación da liña de pluviais na Travesía dos Pozos, en Corrubedo, cun importe de 31.890,51 € e un prazo de execución de 3 meses; e tamén a instalación da liña de pluviais en Outeiro, Artes, cun importe de 25.054,84 € e un prazo de execución de dous meses. Ambas obras están incluídas no Plan Provincial POS +2023 e POS +2021 respectivamente.

A Travesía dos Pozos, na parroquia de Corrubedo, trátase dun camiño polo que transitan gran cantidade de veciños e visitantes; mais só presenta na actualidade firme de terra e dispón unicamente de rede de saneamento, polo que se proxecta a instalación dunha nova liña de pluviais e a pavimentación do camiño.

Doutra banda, a estrada DP-7304 non dispón de rede de pluviais ao seu paso polo lugar de Outeiro, na parroquia de Artes; o que fai que discorra moita auga superficial pola calzada en momentos de choiva, supoñendo un risco para a circulación.

“A instalación axeitada da liña de augas pluviais é fundamental para previr as inundacións e os danos materiais que estas poidan ocasionar á veciñanza” afirmou o alcalde Pérez Barral.  “Seguiremos traballando para facer chegar os servizos básicos necesarios a tódalas parroquias”.

Tamén adxudicou a pavimentación e renovación de servizos na rúa do Curbelo, en Aguiño, por un importe de 91.660,04 euros e un prazo de execución de 4 meses, así como tamén o saneamento na rúa Buenos Aires, en Corrubedo, cun importe de 35.756,37 euros e un prazo de execución de 2 meses.

A actuación na rúa Curbelo ten como propósito mellorar as condicións de accesibilidade e funcionalidade da zona, modernizando a rúa e creando unha plataforma única, dando preferencia ao tránsito peonil. Para iso procederase a mellorar os servizos de saneamento e rede de pluviais de xeito previo á pavimentación da rúa.

Doutra banda, no tramo inicial da Rúa Buenos Aires, na parroquia de Corrubedo, non existe rede de saneamento, polo que se instalará este servizo e realizarase a reposición do pavimento afectado pola execución das gabias. Este investimento inclúese no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+ 2023”.

Dende o Concello seguimos a traballar para mellorar a pavimentación e o saneamento naquelas rúas que se atopen deterioradas” afirmou o rexedor Luís Pérez. “A mellora dos servizos é fundamental para o desenvolvemento sostible de todo o Concello.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.