O BNG votará pola Dorna e entroido como festivos locais e acusa a Ruiz de querer tumbar acordos plenarios

O BNG ribeirense acaba de rexistrar unha emenda para manter os festivos locais do ano 2021 no martes de Entroido e no 24 de xullo como Día da Festa da Dorna. A proposta pretende emendar a que, unilaterlamente e sen consenso, o goberno local pretende aprobar no vindeiro pleno municipal do 26 de outubro. Coa presentación desta iniciativa, queremos fomentar todas a festas por igual, evitando calquera tipo de discriminación e garantindo o interese xeral da veciñanza. Así pois, optamos por darlle o festivo local ás dúas primeiras e potenciar a programación de actividades lúdicas para todas as idades no caso doutras festas como as da patroa, a virxe do Carme ou as festas que se celebran nas parroquias do municipio.

Segundo explicou o concelleiro, Luís Pérez Barral, “no Bloque temos claro que os actos relixiosos do día da patroa ou da Virxe do Carme deben ser realizados cando a Igrexa o estime oportuno, pois como respresentantes públicos cremos que debe existir unha separación entre as administracións públicas e a relixión”. No exercicio das nosas responsabilidades, debemos respectar os sentimentos relixiosos mais tamén é preciso mirar polo interese xeral da poboación e dos sectores comerciais que tan mal o están a pasar por mor da pandemia provocada pola Covid-19.

Incumprimento dun acordo plenario

A emenda presentada polo BNG pretende manter o histórico martes de entroido que se viña declarando festivo local desde 1985 e que, xa no ano 2018 fora tumbado por PP e PSOE provocando o malestar social de moita veciñanza e do sector hostaleiro, e tamén darlle cumprimento ao acordo plenario aprobado en 2015 que agora o Partido Popular quere incumprir de maneira unilateral. Segndo explicou Pérez Barral en 2015 aprobouse, a instancias do BNG, “que o Concello de Ribeira declarese, a partir de 2016 e de xeito permanente, agás cando coincida en domingo, o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna, festivo local”. Para o edil nacionalista, a proposta presentada este ano polo señor Ruiz racha os consensos acadados e ataca un dos símbolos de Ribeira como é a Festa da Dorna, que coloca o municipio no mapa dos festexos de interese turístico, e supón o principal evento que atrae milleiros de visitantes anualmente garantindo uns bos ingresos para os negocios”.

No Bloque estimamos axeitado seguir celebrándose tanto o martes de Entroido como o 24 de xullo por tradición e por ser festexos referenciais a nivel comarcal e galego. O martes de entroido supoñía uns ingresos económicos vitais para o comercio e hostelaría locais e tamén desde o punto de vista social é moi importante ao participar nela asociacións e centos de persoas coas murgas, disfraces, etc. mentres que, declarar a Festa da Dorna festivo local, permite que moita veciñanza do municipio poida descansar e gozar dos actos do día grande deste festexo.

Pérez Barral quixo concluír facendo un chamamento a todos os grupos da Corporación Municipal deixen a un lado os seus sentimentos relixiosos e opten por votar polo que esperta grandes consensos entre a veciñanza,”agardo que todos os grupos apoien a emenda para dar cumprimento a un acordo plenario e para garantir a mellor decisión desde o punto de vista económico e social”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.