Rosana Pérez reta ao PP a incluír a dotación médica no seu “pacto escuro” con PBBI que ninguén coñece e co que se fixo co goberno municipal
Cualifica de “fraude” o suposto plan de reforzo de Sanidade para o verán, que deixou o centro con tan só catro profesionais de 14 en pleno mes de agosto
Santiago de Compostela, 15 outubro 2025.- A deputada nacionalista Rosana Pérez urxiu ao Goberno do PP no Parlamento a garantir facultativos “de xeito estable” no centro de saúde de Ribeira, onde nestes momentos hai máis de 3.000 persoas sen médico asignado que, ou ben teñen que acudir a Urxencias para ser atendidas ou ben son derivadas ao cupo doutros médicos, que “xa están literalmente queimados”, denunciou.
Nunha pregunta en Pleno parlamentario, Pérez tamén retou ao PP a incluír a dotación de facultativos necesaria no centro de saúde dentro do seu “pacto escuro” con PBBI, un pacto cuxo contido, remarcou, ninguén coñece na localidade, pese a que é o que sustentou a moción de censura que permitiu aos populares facerse co goberno municipal.
A deputada do BNG pola comarca comezou a súa intervención recordando que máis de 5.000 persoas da comarca do Barbanza moitas delas, do concello de Ribeira formaron parte da cadea humana que, nunha mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, se estendeu ao longo de cinco quilómetros este pasado sábado para reivindicar a dotación de profesionais suficientes nos centros de saúde, unha planificación real para cubrir baixas e xubilacións, e unhas condicións dignas para o persoal sanitario.
“Cinco quilómetros de dignidade e de reivindicación, máis de 5.000 persoas que queremos que vostede poña fin aos recortes e á cada vez máis descarada privatización da sanidade pública”, afeou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que lle recriminou que o centro de saúde de Ribeira foi precisamente o “exemplo máis claro” de que o plan para paliar a falta de médicos no verán anunciado polo seu departamento “non foi máis que unha entelequia e unha fraude”.
Neste sentido, lembrou que en pleno mes de agosto, cunha enorme afluencia de visitantes, a consellería mantivo en Ribeira a tan só catro dos 14 profesionais cos que conta o centro, unha actuación que cualificou de “temeraria e indecente” e que supuxo unha “sobrecarga inadmisible” do persoal sanitario e unha “demora de até catro semanas de agarda” para a veciñanza.
E diante desta situación, no mesmo mes de agosto os responsables da área sanitaria “seguían repetindo publicamente como discos raiados” que a calidade asistencial estaba garantida, reprochou ao conselleiro. “Non lle cae a cara de vergoña de facer esas declaracións cun centro de saúde baixo mínimos, uns profesionais ao límite e unha cidadanía desatendida?”, cuestionoulle.
A deputada nacionalista afeou a Gómez Caamaño que lle preguntase se estaba enfadada logo da súa interpelación pola situación da atención sanitaria en Ribeira, dada a moción de censura impulsada polo PP na localidade.
“Pregúntame a min se estou enfadada? Pregúntelle aos máis de 3.000 veciños e veciñas de Ribeira que non teñen médico asignado, pregúntelle ás miles de persoas que en Ribeira neste momento seguen sen médico asignado a día de hoxe, xa non lle falo do mes de agosto que foi absolutamente un caos, senón a día de hoxe, que teñen dúas semanas de agarda para que os reciba o seu médico de cabeceira, o de seu, entre comiñas”, recriminou.
Pérez advertiu ao conselleiro que se o que espera é que o BNG vaia ao Parlamento “a aplaudirlle”, “non vai ser o caso” porque “non o merece” e porque non “cumpre co que ten que cumprir”. “Vostede, neste momento, ten credibilidade cero”, remarcou ao responsable de Sanidade, ao que recordou que a moción de censura é froito dun “acordo escuro” entre “os seus colegas de partido e os tránsfugas do seu propio partido”.
“Non hai unha soa persoa dos máis de 27.000 habitantes de Ribeira que coñeza neste momento en que consiste o pacto que asinaron eses dous partidos ou un partido cos tránsfugas do propio partido”, recalcou, para advertir a continuación que hai xente que di que ese acordo “é un folio en branco”, sen compromisos nin propostas, polo que rematou a súa intervención volvendo a retar ao Goberno do PP a incorporar como primeiro compromiso dese “escuro pacto” a dotación médica que necesita o centro de saúde.

