O buque L’Etel chegou ao porto de Ribeira no 2009 e permaneceu amarrado dende aquela ata o pasado 2020, ano no que foi a pique na propia dársena por mor dun temporal.
Despois de sufrir un incendio no 2012 e de que se reclamase a súa retirada do porto en innumerábeis ocasións, a día de hoxe a localización do palangreiro, de 35 metros de eslora, está apenas sinalizada cunha simple boia e unhas barreiras de anticontaminación que non serven de nada.
Portos de Galiza non foi capaz de declaralo en abandono ata o 2018. Para a deputada nacionalista, Rosana Pérez, este feito mostra o desleixo de Portos para resolver un problema que ao longo dos últimos 12 anos vén representando un perigo para o tráfico no porto de Ribeira, ocupando un espazo necesario para o traballo da frota profesional que alí amarra e supoñendo unha permanente contaminación.
Segundo Pérez Fernández, despois de todo ese tempo, os trámites para refrotar o buque e retiralo do peirao comezaron aínda a primeiros deste ano, publicándose o anuncio para a contratación dos servizos o 25 de xaneiro, por un importe de 482.366 euros.
Desde o BNG ribeirense tamén imos pedirlle ao Concello de Ribeira que inste a Portos de Galiza e á Consellaría do Mar a actuar canto ante unha situación que é “incomprensíbel e na que se ve a desidia para manter en boas condicións as infraestruturas portuarias”. Recriminamos que a día de hoxe, ano e medio despois do afundimento e cinco meses despois da publicación do anuncio para o refrotamento do barco, siga sen haber ningunha noticia da adxudicación dos traballos e da súa retirada definitiva do porto de Ribeira.
A parlamentaria Rosana Pérez solicitará as previsións de Portos de Galiza para a retirada do buque L’Etel, afundido no porto de Ribeira, que razóns hai para que aínda non se levase a cabo a retirada do buque após ano e medio dende o seu afundimento e pedirá a máxima celeridade no seu refrotamento e despece.
Imaxe de capa: J.M.P.E.
One Comment on “O BNG solicitará no Parlamento sacar o L’Etel do fondo do porto de Ribeira”