O BNG solicitará a xestión 100% pública para a nova residencia de Ribeira

Tralo anuncio do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sobre a construción dunha nova residencia en Ribeira, o BNG mantén a súa aposta e defensa polo sistema público de benestar. Imos solicitarlle á Consellaría de Política Social información detallada de cómo será a xestión dese novo modelo de residencia que anunciou o presidente.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, cre que é positivo que o Goberno galego anuncie a súa pretensión de realizar unha residencia de maiores en Ribeira. “A proposta do Bloque pasa por facela no edificio “Hesta Kurva” das Saíñas porque suporía darlle cumprimento a un acordo plenario impulsado polo BNG e que tivo o apoio unánime da Corporación Municipal” explicou Vázquez. Malia iso, Vázquez Cobas, cre que hai que tomar con cautela o anuncio porque “só foi iso, un anuncio sen máis detalle nin proxecto concreto”.

O voceiro nacionalista lamentou os máis de 12 anos nos que a Xunta paralizou a construción de novas residencias públicas e non foi construída ningunha. “É inaudito que non se fagan máis residencias cando o sistema de dependencia só chega ao 51% da poboación beneficiaria ou cando para acceder a unha praza pública hai que agardar dous anos” aseverou Cobas.

A carencia de prazas públicas é evidente pero iso non pode ser desculpa para deixar que se fagan de calquera maneira e con calquera xestión. Cómpre lembrar que 8 de cada 10 prazas de residencias de maiores en Galiza son privadas. Esta situación “fai visíbel o modelo residencial privatizado e mercantilizado polo que aposta o PP no que se converte o dereito á vellez digna nun negocio obxecto de lucro”.

Desde o BNG imos requirirlle á Consellaría de Política Social información detallada sobre a nova residencia e preguntarán sobre os prazos que manexa a Xunta para que esta instalación estea en funcionamento. Con respecto ao modelo de residencia pediremos que a xestión sexa 100% pública para garantir o dereito á vellez digna e fortalecer os servizos públicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.