A deputada Rosana Pérez recrimínalle ao goberno galego que “até o de agora só houbo propaganda”
A deputada nacionalista, Rosana Pérez Fernández, rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para esixirlle ao goberno galego que fixe prazos e partidas orzamentarias concretas para ampliar o Hospital da Barbanza.
O primeiro anuncio sobre a ampliación do hospital, vella demanda feita polo BNG e polo propio persoal, fíxoo o propio presidente da Xunta en outubro de 2020, especificando que se incrementaría en 22 o número de camas. Nove meses despois, en xullo deste ano, repítese o anuncio público por parte do conselleiro de Sanidade, dicindo que o número de camas que se ampliaría é de 36, desagregado en 12 camas para unha nova unidade para hospitalización materno-infantil e 24 destinadas a pacientes de medicina interna e paliativos.
Con respecto á consignación de cartos para a realización da obra de ampliación, Pérez Fernández explicou que nos orzamentos da Xunta para o ano 2021 contemplábanse 589.248 euros, que non se executaron e por iso volven consignar a mesma cantidade no proxecto de orzamentos para o 2022. En todo caso esa contía non sería suficiente para poder realizar o proxecto e comezar as obras tendo en conta que a futura ampliación debe pasar aínda por varias fases (realización, elaboración dos pregos e licitación do proxecto construtivo, elaboración dos pregos e licitación da obra, adxudicación da mesma e, finalmente, construción).
Pérez Fernández recrimina a política de publicidade e propaganda da Xunta pois “a piques de rematar temos moitos anuncios pero ningún feito que supoña a mellora desta infraestrutura sanitaria tan básica para a comarca”. Por esta razón, o BNG demanda que o goberno galego deixe de facer anuncios e se poña a traballar para acelerar os trámites que permitan que poboación da Barbanza vexa melloradas as súas instalacións e prestacións sanitarias.