O BNG solicita mellorar o camiño ao río en Axeitos

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira faise eco das peticións que nos trasladan uns veciños e veciñas de Axeitos para que se adecúe un camiño de acceso ao paseo fluvial do río Artes desde a aldea de Axeitos.


Dito camiño, malia estar sinalizado, tan só está pavimentado con cemento nunha parte mentres que a outra está nun estado intransitábel, pois, é unha lameira que recolle a auga que vai da fonte. “A non ser que se vaia con botas de auga, é imposibel achegarse ao río. Se no verán xa é difícil acceder, en tempo de chuvia faise imposíbel” declarou o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas.


A veciñanza leva tempo demandando algunha actuación que mellore este camiño pero o goberno local fai oídos xordos ás peticións que se lle fan. Vázquez Cobas recrimina que o Partido Popular esquece as necesidades das parroquias e centra o gasto en cementar o centro urbano ribeirense. “Desde o BNG entendemos que estas pequenas cuestións deberían ser atendidas polo executivo local de maneira prioritaria porque supoñen molestias importantes que padece a veciñanza do rural e que, “con pequenos investimentos e actuacións, se poden solucionar” argumentou.


Por todo iso e tras escoitar a veciñanza de Axeitos, o BNG insta a que se canalice a auga e se estude algunha pequena actuación que permita darlle solución ao problema descrito sen máis demoras no tempo.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.