O Bloque Nacionalista Galego recolle as peticións dalgunhas veciñas e veciños de Carreira para mellorar o emprazamento dos contedores de lixo da parroquia debido a que dificultan o tránsito das persoas, obstaculizan a visibilidade de vehículos, etc.
A concelleira, Cruz Rivadulla Márquez, informou de que un dos exemplos está na estrada da Graña, na zona de Vixán, na que existe unha parada de autobús encaixada entre varios contedores que provocan molestias e dificultades ás persoas usuarias do transporte público.
“Non son poucas as queixas sobre contedores que están rotos, sobre os cheiros que se producen pola falta de limpeza dos recipientes ou a incomodidade que supón ter materiais voluminosos tales como mobles que algunhas persoas depositan a carón dos contedores pasando días ata que os retiran do lugar” asegurou Rivadulla.
Con respecto á colocación dos contedores, Rivadulla Márquez cre que é un asunto que provoca molestias por todo o municipio pero no caso de Carreira hai contedores que están practicamente enriba da estrada polo que “para botar o lixo hai que estar na estrada co conseguinte perigo que iso supón”.
O BNG presentou numerosas iniciativas para instar ao goberno local a traballar para buscar un emprazamento axeitados dos contedores de lixo de grandes dimesións, evitando que obstaculicen o paso de peóns ou provoquen problemas de visibilidade aos vehículos. Tamén lle pedimos ao executivo local que reforce a limpeza dos recipientes e se reparen todos aqueles que teñen desperfectos ou funcionan mal. Por último reclamamos realizar unha campaña informativa sobre a gratuidade do punto limpo e informar do teléfono para a recollida de enseres.