O BNG solicita a apertura das instalacións da Fieiteira que seguen pechadas e potenciar as actividades deportivas

A Fieiteira. Ribeira. Foto Cotecno

Rexistramos unha iniciativa plenaria para que se abran todos os espazos que se manteñen fechados a día de hoxe no complexo deportivo da Fieitera e para que se potencien as actividades deportivas entre a poboación.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, lembra que as instalacións deportivas fecharon en marzo de 2020 para evitar o aumento dos contaxios provocados polo coronavirus pero a día de hoxe, máis de 24 meses despois hai espazos da Fieiteira como é a zona de sauna e baño de vapor que seguen clausuradas. “Só se abriu, nos últimos días, a zona de hidromasaxe e hai que retomar a normalidade nas instalacións porque así nolo están demandando moitas persoas usuarias das instalacións” asegurou Barral.

O feche desta zona do complexo polideportivo municipal contrasta coa situación en que se atopan outras moitas instalacións de Galiza que si permiten o acceso a este tipo de espazos. “Potenciar os hábitos de vida saudábeis é unha obriga do goberno local e, dentro deles, a actividade física é vital para manternos en forma e sans porque reforza o noso sistema inmunolóxico e permite controlar o estrés, a ansiedade e o estado de ánimo” declarou o portavoz nacionalista. Neste sentido, trala práctica deportiva, estas instalacións teñen múltiples beneficios dos que as persoas usuarias non poden desfrutar.

Desde o BNG non entendemos os motivos que levan ao goberno local a manter clausuradas estas instalacións mentres que outros concellos si permiten o seu acceso garantindo todas as medidas de seguridade sanitaria necesarias para salvagardar a saúde da poboación. Barral aposta por abrir todas as instalacións cunhas normas claras que garantan o uso seguro por parte da veciñanza e instan a que o goberno local potencie as actividades deportivas da Fieiteira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.