O BNG reclama o mantemento das beirarrúas ante as caídas que se están producindo

Vázquez Cobas: recibimos queixas de numerosas caídas, hai que arranxalas para evitar danos persoais

Desde o BNG denunciamos a mala conservación de moitas lousas e baldosas de numerosas rúas como o Malecón, a rúa peonil de Galiza, o parque García Bayón e praza da Concordia, e un longo etcétera que se estende por outras rúas e parroquias.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, considera que o desleixo do Partido Popular en manter en boas condicións as beirarrúas e infraestruturas non pode ser maior, unha situación que está provocando problemas. “Xa houbo xente que nos chamou para dicirnos que tropezaron nesas baldosas rotas, soltas ou levantadas e que caeron” apuntou Cobas.

Vázquez Cobas apunta a que non é razoábel ter tantas rúas e espazos do municipio con lousas ás que lles faltan anacos ou están tronzadas e levantadas. “Está provocando caídas e, se isto é un perigo para calquera persoa, supón un perigo adicional para as persoas maiores porque esas caídas poden ter consecuencias máis graves” aseverou.

Consideramos que é hora de poñer en marcha o sistemas de control por semáforos nas rúas peonís para evitar o tránsito de vehículos non autorizados. Ese sistema foi instalado hai anos e nunca estivo en funcionamento polo desinterese do goberno municipal nun claro exemplo de malgasto de cartos públicos.

Do mesmo xeito, cremos que se poderían acelerar as obras de substitución de firme no parque García Bayón agora que están as restricións de apertura de negocios, algo que sen dúbida reduciría os inconvenientes e molestias que lle xerarían as obras aos comercios e negocios do lugar.

Por todas estas razóns o BNG rexistrou unha iniciativa para que o Concello de Ribeira aumente o mantemento e coidado das beirarrúas e proceda a arranxar as lousas e baldosas que están levantadas, soltas e rotas.

Un comentario en «O BNG reclama o mantemento das beirarrúas ante as caídas que se están producindo»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.