O BNG ribeirense homenaxea a Plácido Betanzos no remate de campaña en Palmeira

Desde o BNG ribeirense quixemos facer tradición e rematar a campaña en Palmeira, facendo un guiño e unha lembranza ao compañeiro falecido Plácido Betanzos. Lembramos a Betanzos como un “camarada feminista” e “referente” na súa acción diaria.

O acto contou coa participación de Luís Pérez, concelleiro do BNG na localidade, quen argumentou a necesidade de facer realidade unha nova Galiza da man dun Bloque “con experiencia e cun proxecto centrado no país, capaz de mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

Pola súa banda, a candidata ribeirense, Elvira Branco, explicou que un goberno nacionalista á fronte da Xunta porá en marcha medidas que permitan que toda a mocidade que tivo que emigrar por non ter estabilidade laboral, poida voltar ao país cunha condicións dignas de traballo. “No próximo 12 de xullo temos a grande oportunidade de que as cousas muden de forma decisiva para mellor, sen os gobernos submisos e entreguistas”.

A candidata ao Parlamento Galego, Rosana Pérez, defendeu a necesidade de deixar atrás once anos de inmobilismo e decadencia do Partido Popular. “Se toda as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable e conseguiremos algo tan revolucionario como darlle a Galiza un goberno leal co país, un goberno leal coa xente deste país liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia” argumentou.

Pérez Fernández denunciou as políticas de desmantelamento de sectores económicos e servizos públicos fundamentais como a sanidade, a educación e a dependencia emprendidos polo candidato do PP en Galiza. En contraposición a esta política nefasta, puxo en valor o grande traballo feito polo deputado do BNG no Congreso Néstor Rego.“Fixo máis un deputado do BNG en Madrid que Feijóo en once anos á fronte da Xunta”.

Pérez rematou facendo un chamamento á participación para que ningún voto do cambio galego quede na casa, para que todas as persoas que hoxe miran con simpatía ao BNG fagan posíbel que haxa por primeira vez unha muller presidenta dun goberno que mire polos intereses do pobo galego. “Pídovos que non votedes outras alternativas sen convicción porque é o momento de votar co corazón, pensando no mellor para o país”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.