O BNG actúa no Concello e Parlamento contra os brutais recortes no IES Nº1

Esiximos manter todos os postos de profesorado, atender o alumnado con diversidade e o cese da concelleira de Educación pola inacción do seu departamento

A Consellaría de Educación está a consumar recortes brutais no ensino público fechando unidades, reducindo profesorado e eliminando materiais en colexios e institutos. Temos que denunciar que está habendo unha planificación de desmantelación do ensino público que, na práctica, tradúcese en drásticos recortes de persoal docente, incremento desmesurado das ratios de alumnado por clase, perda de oferta educativa e abandono definitivo da atención á diversidade e minguar a calidade educativa en xeral.

A deputada, Rosana Pérez, compareceu hoxe acompañada da ANPA do IES Nº1 e dos edís do BNG para denunciar como o Partido Popular está aplicando recortes de persoal en plena época vacacional para evitar as mobilizacións e unha vez rematado o período lectivo, o período de matriculación e coa planificación feita por parte das direccións dos centros educativos.

A Consellaría aduce que o recorte prodúcese porque o curso que vén de rematar foi excepcional por mor da crise sanitaria e o que cómpre agora e volver aos niveis de persoal pre-covid nos centros. “Mais ningunha das dúas cousas é certa” desvelou Pérez Fernández. “Nin existiu tal excepcionalidade na dotación de profesorado no curso 2020-2021, nin tampouco agora se está a volver ao nivel dos cursos anteriores senón que se está a destinar aos centros un número menor de docentes que nos anos anteriores á pandemia” apuntou.

Os recortes son gravísimos e a falla de respecto que se está a ter cara o traballo realizado polas direccións dos centros e polo conxunto do profesorado evidencia claramente a nula vontade de diálogo e unha absoluta falla de sensibilidade cara ás situacións que se viven en cada centro. O menosprezo que sofren as familias e o propio alumnado que, unha vez rematado o curso e tendo xa realizada a súa matrícula, quedan agora a expensas de que as decisións unilaterais da Consellaría condicionen as súas previsións. E nun momento, o verán, no que o que se ten en conta é a dificultade de organización dos pais e nais para mobilizarse ou decidiren accións conxuntas de reivindicación e/ou de protesta.

O IES Nº1 de Ribeira é un centro que supera os 600 alumnos e alumnas, que imparte ESO, ESA, bacharelato diúrno e nocturno, alfabetización de adultos, que alberga, ademais, nas súas instalacións unha delegación da Escola Oficial de Idiomas e vén sendo referencia na comarca dende hai moitos anos. É un centro que ten un cadro de docentes que chega ás 72 persoas e ao que, con data de 26 de xullo, se lle comunica que a dotación será de 66 para o novo curso. Seis profesores e profesoras menos do que lle corresponde e dez menos que no curso 2020-2021. A maiores, unha praza de PT na que o seu titular vén de xubilarse e que, nestes momentos, está sen confirmar, aínda coñecendo a administración educativa que o centro conta con más de corenta nenos e nenas con dificultades educativas.

O recorte que pretende aplicar o goberno de Núñez Feijóo, de non rectificarse, implicará graves consecuencia á organización definitiva do centro, ao alumnado e, evidentemente, provocará unha perda importante de calidade educativa. As consecuencias máis inmediatas serán; aumento de ratios con aulas de de 28 alumnos, perda de agrupamentos en 1º e 2º de ESO, menor atención á mocidade que ten diversidade e dificultades, redución das materias optativas, eliminación da oferta de alfabetización de adultos e unha diminución da atención ás necesidades educativas especiais e ao alumnado con dificultades se se confirma a perda dun/ha profesional de PT.

Con esta decisión, a Consellaría de Educación é reincidente no concello de Ribeira, xa que tamén anunciou importantes recortes no CEIP de Palmeira e cun modus operandi practicamente idéntico no que aplica un recorte de dúas unidades nese centro educativo. A Xunta de Galiza debe rectificar porque as decisións que está tomando provocan un deterioro do ensino público e é imprescindíbel e urxente que estableza canles de diálogo coa comunidade educativa galega para evitar o malestar que está a crear e que medra segundo se vai coñecendo a irracionalidade e a falla de xustificación dunha política que, ademais de destruír emprego, incide negativamente no funcionamento dos centros, aumenta as carencias do sistema educativo e crea aínda maiores desigualdades.

Cese da concelleira de Educación en Ribeira

O concelleiro, Luís Pérez Barral, expuxo que no BNG resulta de gravidade extrema que o alcalde se poña de perfil ante estas circunstancias e apoie os brutais recortes que pretende aplicar a Consellaría de Educación nos centros educativos de Ribeira. “Cómpre lembrar que o alcalde, como máximo responsábel do Concello, debe defender os intereses da veciñanza de Ribeira por riba dos intereses do Partido Popular” recriminou Barral.

“Lamentabelmente, unha vez máis, vemos que o alcalde claudica ante os ataques que o seu propio partido, o PP, fai aos servizos públicos. Preguntámonos tamén que é o que fixo a concelleira de Educación até o momento para defender os centros educativos do concello de Ribeira, porque non temos constancia de que en ningún momento saíse publicamente a apoiar as xustas demandas da comunidade escolar, tanto do colexio de Palmeira como do Instituto Nº1”. Malia que o goberno local incumpre de maneira sistemática a convocatoria do Consello Escolar Municipal de Ribeira –regrado nunha reunión cada 3 meses- é rechamante que a responsábel desa área municipal non se convocase o Consello Escolar nin tratar asuntos tan importantes como as necesidades de cada centro para afrontar a pandemia, a coordinación entre os centros e o concello, etc.

Por todo o anteriormente exposto, o BNG, solicita no Concello de Ribeira e no Parlamento de Galiza adoptar os seguintes acordos:

  • Paralizar os recortes que pretende aplicar a Consellaría de Educación no profesorado no IES Nº1 de Ribeira.

  • Manter un mínimo de 72 docentes no IES Nº1 de Ribeira, ao igual que no curso 2020-2021.

  • Manter un mínimo de 2 profesionais de PT no IES Nº1 de Ribeira que poidan atender o alumnado con diversidade e dificultades.

  • A dimisión ou cese da concelleira de Educación do Concello de Ribeira pola súa inacción ante os recortes que pretende aplicar a Consellaría de Educación e pola parálise que sofre esta área de goberno.

  • Manifestar o compromiso da Corporación Municipal de Ribeira co ensino público e apoia as reivindicacións da comunidade escolar de Palmeira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.