O BNG rexeita que as rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa, sexan o punto de depósito de materiais de dragados

Néstor Rego exixe ao Goberno do Estado cancelar a autorización da zona de Sálvora como punto de dragado e demanda realizar unha avaliación do impacto que puido ter causado


Nunha zona de tanta riqueza ecolóxica, pesqueira e ambienta, Rosana Pérez e Luis Pérez urxen impedir novos vertidos na Ría de Arousa e defender os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro


Ribeira, 5 de marzo de 2025. O Bloque Nacionalista Galego manifesta a súa total oposición á utilización da ría de Arousa como punto de vertido de materiais de dragado e exixe a clausura definitiva do punto de vertido da Illa de Sálvora. A formación nacionalista reclama, ademais, un estudo detallado sobre o impacto que este depósito podería estar causando nunha das zonas de maior riqueza ecolóxica, pesqueira, marisqueira e ambiental de Galiza, así como unha avaliación dos efectos sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros.


Nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Ribeira, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a deputada no Parlamento galego, Rosana Pérez, e o alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, denunciaron a situación e demandaron a cancelación definitiva deste punto de vertido, acompañados por cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca do Barbanza.


O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirma que “resulta inaceptábel que o Goberno do Estado continúe a considerar as rías galegas como un vertedoiro para os residuos dos dragados portuarios, poñendo en risco a biodiversidade e os sectores produtivos da nosa costa”. O parlamentar nacionalista subliñou que “a decisión de reactivar o punto de vertido en Sálvora atenta contra o interese xeral e contravén os acordos acadados no Parlamento galego”.


Pola súa parte, a deputada no Parlamento galego, Rosana Pérez, lembra que “en 2019 o Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha resolución instando a Xunta a buscar alternativas sustentábeis para o depósito de lodos de dragados, garantido que non afectasen ás rías galegas, e nomeadamente á de Arousa”. Pérez cualifica de “escándalo” que agora se volva a propoñer o mesmo punto de vertido, ignorando as demandas do sector pesqueiro e marisqueiro.


Ante esta situación a deputada no Parlamento de Galiza exixe á Xunta “defender os intereses do sector marisqueiro e pesqueiro, impedindo que se continúe a usar a Illa de Sálvora como un vertedoiro”.


O alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, asegura que “a xestión dos dragados debe facerse con criterios ambientais e sociais, non en función dos intereses da administración central, que parece descoñecer a importancia da ría de Arousa para a economía e a vida da nosa xente”.


O BNG denuncia que a decisión de habilitar en 1998 o punto de vertido na boca sur da ría de Arousa non foi sometida a exposición pública nin contou con informes ambientais previos. Dende entón, milleiros de metros cúbicos de lodos e outros materiais foron depositados na zona, malia estar dentro dun espazo protexido como a ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).


A formación nacionalista exixe que o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza garantan a protección ambiental da ría de Arousa, impedindo novos vertidos e levando a cabo unha avaliación rigorosa do impacto que este depósito xa poida ter causado. Neste sentido, o BNG reitera o seu compromiso coa defensa dos sectores produtivos da ría e anuncia novas iniciativas tanto no Congreso como no Parlamento galego para frear esta agresión ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.