No balance do segundo aniversario das eleccións municipais, o grupo municipal do BNG fai unha valoración moi negativa destes dous últimos anos de mandato do PP á fronte do Concello de Ribeira.
Nesta avaliación o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, lamenta a parálise do concello e sintiza en dous puntos os aspectos máis negativos que hai no concello, en primeiro lugar, “o PP non ten un proxecto de cidade, pois vemos como seguen dando bandazos e o pouco que se fai faise mal. Mentres no Cumio do Clima se decidiu avanzar cara o aumento de zonas verdes e crear cidades para as persoas, o PP en Ribeira segue apostando polo cemento, as palmeiras e a herba de plástico.
En segundo lugar hai unha “incapacidade manifesta” na xestión do día a día. As obras non avanzan e iso supón pérdida de postos de traballo e non se lle dá solución ás demandas da veciñanza.
Por poñer algúns exemplos claros Cobas enumerou os seguintes:
1. Ribeira leva décadas sen facer chan industrial a pesar da demanda que xa había. Tiveron que marchar empresas para que o goberno comezase a valorar a construción dun polígono industrial. Esta situación provocou unha perda de emprego no municipio. Fronte este desleixo, o BNG leva loitando por crear un macropolígono na zona de Ribeira para xerar emprego.
2. A estación de autobuses: anunciada desde 2014, en 2021 temos uns galpóns de obra e o edificio nin está nin se lle espera polo que a xente segue á intemperie.
3. A nefasta xestión e sobrecusto do auditorio:comezou cun orzamento de 2,5 millóns de euros co mobiliario e equipamento e acabou licitándose por 3,9 millóns de euros sen equipamento cos votos de PSOE e PBBI.
4. Club de Remo e biblioteca: O BNG foi moi insistente con estes dous proxectos, e vemos que tralas falsas promesas desde 2018 nada se fixo, por iso damos un paso adiante e levamos a pleno a proposta de xerar crédito para que se fagan estes dous proxectos tan demandados pola xente e polo BNG.
5. Falta de servizos básicos nas parroquias: o goberno local é incapaz de dotar algúns núcleos de poboación dos servizos básicos (saneamento, auga, internet…) malia que, en moitos casos, xa hai proxectos e fondos aprobados polo Pleno.
BNG: oposición construtiva, propositiva e próxima á xente
BNG, con só dous concelleiros, leva presentado, máis iniciativas que os dous partidos da dereita xuntos con 16 edís. “Facemos unha oposición construtiva e con disposición de chegarmos a acordos polo ben de Ribeira” aseverou o voceiro nacionalista.
Estamos mantendo contacto directo coas entidades e colectivos de Ribeira e das parroquias, para coñecer as súas necesidades e trasladar as demandas ao concello e ao Parlamento.
Cómpre destacar que a maior parte das propostas presentadas polo BNG foron aprobadas e algunhas tan importantes como a rebaixa de taxas e bonificacións a familias e empresas afectadas pola pandemia, unPlan de Emprego Local ou o reforzo do persoal sanitario e mellora dos centros de saúde ou a recente proposta de que Ribeira conte cunha nova residencia pública de maiores.
“Xa avanzamos que en datas moi próximas imos lanzar unha serie de iniciativas para seguir loitando contra as consecuencias da pandemia para o que procuraremos involucrar o tecido social e económico de Ribeira” finalizou Vázquez Cobas.