O BNG recrimina a inoperancia do goberno ribeirense por non ter os sumidoiros limpos na época de chuvias

O Bloque Nacionalista Galego recrimina a inoperatividade do goberno local por non ter os sumidoiros limpos en plena época de chuvias, situación que provoca que haxa regos de auga e asolagamentos en rúas e predios particulares.

Nos últimos anos temos presentado iniciativas para tratar de resolver os problemas sobre o mal funcionamento da rede de sumidoiros porque ocasiona problemas á cidadanía de Ribeira e das súas parroquias. A pesar das propostas rexistradas, “o Goberno local non fixo os deberes a pesar de teren avisos tanto da veciñanza como do BNG”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, expón a necesidade de revisar a rede de sumidoiros antes da tempada de chuvias para evitar asolagamentos e regueiros de auga polas rúas pero “o Goberno ribeirense está máis preocupado de facerse fotos e de culpar de todos os males á oposición que de traballar nos asuntos que lle afectan á veciñanza e resolver os problemas de maneira dilixente”.

Barral informou que veciños e veciñas se puxeron en contacto co Bloque para queixarse de que as chuvias destes días xa provocaron asolagamentos, desbordes e regos de auga que baixan polo medio de rúas e estradas e que afectan a propiedades particulares. “Temos exemplos por todos lados, onte mesmo produciuse unha inundación en Castiñeiras, tamén en Ribeira, na céntrica rúa de Galiza, onde se acumularon varios centímetros de auga poñendo en risco os establecementos comerciais ou na rúa Celeiráns asolagáronse parcelas de varios veciños e veciñas co perigo de que lle entrase toda a auga para as casas, debido a que a canalización das augas pluviais desa zona non é capaz de absorber toda a auga”.

No caso concreto de Aguiño non é a primeira vez que acontece e instan ao goberno local a buscar unha solución inmediata para evitar que a veciñanza con propiedades na zona se vexa afectada cada vez que o sistema de sumidoiros non é capaz de absorber a auga caída, xunto coa do regato que hai na zona. Por todo isto, pedímoslle ao goberno local que se revise a rede de sumidoiros para evitar inundacións e acumulacións de auga que afecten á poboación de Ribeira e das súas parroquias.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.