O BNG recolle as necesidades da veciñanza de Artes

Pérez Barral: as parroquias precisan maior atención pois non debe haber veciños de primeira nin de segunda

O BNG ribeirense lamenta que desde hai anos a parroquia de Artes é unha das que menos investimentos recibe por parte do Concello de Ribeira. Para demostrar este agravio á veciñanza desta parroquia o concelleiro, Luís Pérez Barral, cre que basta con ver o Plan de Obras e Servizos que anualmente concede a Deputación da Coruña.

Pérez Barral detallou como “no POS de 2021 a parroquia de Artes é unha das parroquia que menos contía recibe ao ter só dúas obras por valor de 192.657€ dos cales 161.142€ destínanse a unha obra proposta polo BNG para realizar pavimentación e  unha rede de pluviais dende a igrexa parroquial de Artes ata o Museo do Gravado”. “Se imos ao POS 2020, Artes recibía tan só unha obra por valor de 34.413€ para pavimentar un camiño no lugar da Gándara e o peor de todo e que ten habido anos nos que non se investiu nin un só euro para a realización de obras nesta parroquia” aseverou Barral.

Desde o Bloque cualificar esta situación de “agravio comparativo con respecto ás outras parroquias”, pois cren que mentres se realizan importantes investimentos no centro urbano e outras partes do concello, “Artes fica atrás unha e outra vez”. Cremos que para fixar poboación no rural, desde as administracións públicas débense realizar os investimentos necesarios e na parroquia de Artes hai carencias e inconvenientes que cómpre atallar.

Neste sentido facemos fincapé na necesidade de dotar aos veciños e veciñas dunha boa conexión a Internet sobre todo nun contexto nos que cada vez está máis presente a educación a distancia ou o teletraballo. Por outra banda, varias estradas e camiños precisan unha nova pavimentación ante a presenza de fochancas e firmes moi deteriorados nos lugares de Sego, Fonte das Cruces ou do Outeiro ao lugar do Castro.

Pérez Barral dixo que outra das queixas recorrentes entre a veciñanza é a falta de roza nas gabias e aclarou que “hai corredoiras nas que, se non se roza a maleza, fanse moi estreitas provocando dificultades no caso de se atoparen dous vehículos”. Por último, é necesario que o goberno local dispoña de recipientes de recollida de aceite usado pois vemos como hai moitas parroquias que carecen del e Artes é unha delas.

Todas estas necesidades van ser trasladadas polo BNG a Pleno e proporemos que o Concello de Ribeira inclúa en vindeiras partidas orzamentarias a pavimentación das estradas no Lugar de Sego (entre o Centro Recreativo e Salmón), Fonte das Cruces e a que vai do Outeiro ao lugar do Castro, se mellore a roza das cunetas, se instalen contedores de aceite e se inste ás empresas de telefonía a mellorar a conexión á rede mediante o despregamento e posta en funcionamento da fibra óptica e outros medios.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.