O BNG ribeirense vai trasladar ao Pleno do Concello de Ribeira unha demanda que lle fixeron veciños e veciñas da parroquia de Castiñeiras, concretamente do lugar de Mosqueiros, para que se instale unha beirarrúa coa que garantir a seguranza dos peóns e vehículos que circulan por esta zona.

Outra cuestión a ter en conta é a dificultade que atopan os camións de reparto (butano, paquetes, etc) e mesmo as que podería atopar un vehículo de emerxencias para acceder a dita rúa por ter tramos no que é especialmente estreita, para poder resolver este problema os veciños e veciñas mostran a mellor disposición ofrecendo ceder espazo alí onde sexa preciso para ampliar a rúa e que poidan pasar os vehículos sen dificultades.
O voceiro nacionalista, lamenta que o Partido Popular someta ás parroquias a un esquecemento que provoca falta de mantemento en equipamentos básicos, en toda a parroquia de Castiñeiras, ao existiren tramos de beirarrúa que están esnaquizados, teñen abundante vexetación ou mesmo son inaccesíbeis. Con respecto a este tema, indican que hai numerosos tramos da estrada que une Ribeira con Aguiño no que o espazo peonil é moi estreito e mesmo hai postes de tendido eléctrico, telefónico e farois que dificultan o tránsito das persoas. Esta circunstancia fai que as persoas con mobilidade reducida ou con carros de crianzas non poidan pasar e os peóns teñan que arriscar a súa seguridade circulando pola estrada.
Por último, Vázquez asegura que traballarán para garantir maiores investimentos en cuestións básicas da parroquia, pois non é normal que no último POS só se contemplasen 59.000€ para Castiñeiras.