O BNG reclámalle ao Goberno galego investigar a orixe e consecuencias do vertido na ría de Arousa

O BNG acaba de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar que a Xunta contraste os medios existentes para combater calquera risco de contaminación mariña, logo da última vertedura rexistrada na ría de Arousa este pasado martes, 13 de outubro, sobre a que o Bloque tamén pide unha investigación do Goberno galego.

Segundo argumenta a deputada Rosana Pérez, o acontecido este martes non é un caso illado e con el faise evidente que a contaminación na ría segue a ser unha materia pendente de solucionar por parte das distintas Administracións que, en moitas ocasións, realizan investimentos multimillonarios neste ámbito de actuación que despois non se manteñen axeitadamente ou non son obxecto da vixilancia e inspección que precisan.  Neste sentido, lembra tamén que o plan territorial de continxencias por contaminación marítima (Plan Camgal) demanda dende 2017 dos concellos plans locais que inclúan a sinalización de riscos, as zonas vulnerábeis e os medios necesarios diante de verteduras contaminantes ou tóxicas e cómpre saber se os distintos municipios da ría dispoñen deles.  

De igual xeito, nas distintas iniciativas tamén se insta ao Goberno galego a realizar unha investigación propia sobre o vertido deste martes 13 de outubro, co obxectivo de determinar a súa orixe e consecuencias para os recursos naturais dunha área extremadamente sensíbel dende o punto de vista produtivo e medioambiental. 

Rosana Pérez lémbralle ao Goberno galego  que as investigacións da propia administración galega sinalaron que a ría de Arousa foi no ano 2019 a que máis verteduras rexistrou con carga microbiolóxica ou química tóxica. Non se pode esquecer que neste espazo tan privilexiado en termos produtivos desenvolven habitualmente o seu traballo preto de 2000 embarcacións de baixura e marisqueo a frote, milleiros de bateeiros e mariscadoras a pé, aos que hai que sumar a riqueza que de xeito inducido xera a actividade extractiva no mar noutros segmentos da actividade económica.

EDAR e emisario do Touro

Por outra banda a deputada Pérez Fernández, explicou que en calquera das dúas hipóteses baralladas, sentinazo ou vertedura dende terra, hoxe en día existen sistemas técnicos e ferramentas suficientes para recoñecer aos responsábeis e poderlles aplicar a sanción correspondente á infracción cometida.

No caso do emisario submarino de Touro, aínda están preto os episodios contaminantes que se produciron en varias ocasións polo seu deterioro e por non cumprir as súas funcións de depuración e dilución, mesmo algún deles foi, no ano 2007, obxecto de sentenza xudicial contra o concello de Ribeira por afectar a un polígono de bateas.
Posteriormente, a Xunta de Galiza efectuou unha reparación do mesmo que lle supuxo ao erario público máis de 1,6 millóns de euros e foi entregado no 2017, ao remate das obras, ao concello de Ribeira. Dende que entrou en funcionamento a EDAR de Ribeira, o emisario evacúa as augas residuais depuradas do polígono de Xarás e, no caso dun fallo na depuradora, debera aliviar de emerxencia e evitar que as augas residuais sen depurar cheguen ao mar.

De todos xeitos, este non é un caso illado e con el faise evidente que a contaminación da ría segue a ser unha materia pendente de solucionar por parte das distintas administracións que, moitas veces realizan investimentos multimillonarios que despois non se manteñen axeitadamente ou non son obxecto da vixilancia e inspección que lle correspondería.

Un comentario en «O BNG reclámalle ao Goberno galego investigar a orixe e consecuencias do vertido na ría de Arousa»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.