A concentración realizada hoxe na lonxa de Ribeira convocada polo sector do mar, contou co apoio da deputada Rosana Pérez, o responsable comarcal do BNG e candidato á Alcaldía ribeirense Luís Pérez, a concelleira Cruz Rivadulla e o compañeiro Rafael Pazos.
Neste momento, a frota, fundamentalmente a do palangre e arrastre, xa está a padecer as consecuencias das 87 áreas de pesca pechadas dende o pasado mes de outubro en augas de Portugal, España, Francia e Irlanda. A pesca nestas áreas vetouse mediante unha decisión que non contou co apoio unánime do Consello nin coa aprobación do Parlamento europeo, que partía duns informes científicos e técnicos insuficientes e refutábeis, que se tomou sen diálogo e sen busca de alternativas co sector e sen avaliación do seu impacto socioeconómico.
Pérez Fernández, denunciou o papel dunha Unión Europea “que si lle molesta a pesca de artes de fondo ou selectivas como a do palangre pero non lle importan os 400 muíños que o goberno central quere plantar na costa galega”.
Estas medidas emprazadas por Europa foron elaboradas “sen ningún estudo de como afectarán aos territorios altamente dependentes da pesca, como Galiza, como se incrementarán as importacións, como subirá o prezo dun alimento básico e esencial para a poboación”, lembrou a portavoz de Pesca, Rosana Pérez, que quixo deixar constancia do esencial que supón para o País un sector, o da pesca, “vital e que precisa gobernos que o defendan”.
Unha prohibición á pesca de arrastre e de artes de fondo que é rexeitada polo sector do mar, “que non entende unha medida desproporcionada, sen solidez científica e que aumentará a dependencia da UE das importacións pesqueiras de terceiros países”, remarcou Pérez.
A parlamentaria concluíu pedindo celeridade á Xunta para levar a cabo as iniciativas aprobadas no Parlamento a instancias do BNG como é establecer un plan de actuación diante da UE e do Estado de acordo co sector do mar para impedir que a futura posta en marcha do Plan de Acción da Unión Europea afecte negativamente á frota pesqueira galega.
Desde o BNG mostramos todo o noso apoio ao sector do mar, nós seguiremos traballando a nivel galego, estatal e europeo para defender este sector fundamental para o país.