O BNG reclama mellorar o servizo de limpeza e recollida de lixo

Os nacionalistas apuntan a que se a concelleira de medio ambiente é incapaz de atender un servizo tan necesario é mellor que renuncie


Ribeira está declarado concello de interese turístico e cada ano son moitas as persoas que nos visitan e que veñen a pasar uns días de descanso e vacacións neste municipio. O feito de que aumente a poboación nos meses de verán debería levar emparellado un reforzo en determinados servizos básicos como é o servizo de limpeza e recollida de lixo.


Non é a primeira vez que o BNG rexistra unha iniciativa neste sentido, son reiteradas e podemos contabilizar varias anuais as que realizan para demandar melloras neste servizo fundamental ante as queixas que trasladan os veciños e veciñas e que se ven a simple vista.


Para o concelleiro Luís Pérez Barral “o goberno local ten un absoluto desleixo nesta cuestión, pois a pesar de que desde o Bloque lle reiteramos as demandas, o equipo de goberno prefire optar por non facer caso, ignorando deste xeito un problema ao que se lle debe procurar solución”.


Falamos de que son continuas as queixas polo rebordamento dos contedores de lixo nas parroquias e en determinadas zonas do centro urbano de Ribeira. Desde hai anos pódese comprobar como en Corrubedo, Aguiño, Palmeira ou Castiñeiras os contedores rebordan de lixo durante días sen que o servizo pase a baleiralos. Este feito provoca, por unha banda que a veciñanza teña que aturar o cheiro que se produce polas altas temperaturas e, por outra banda, a imaxe lamentábel que se dá a quen nos visita é tremenda.


Outro dos problemas que existen na actualidade é que os contedores están dispersos por todos os puntos do municipio e non é raro ver lugares onde só hai un colector de residuos orgánicos, algo que non facilita a separación do lixo. Desde o BNG consideramos que sería unha boa opción, reducir o número de puntos onde se localizan estes recipientes, mais que alí onde se empracen os haxa de todas as fraccións (orgánico, papel-cartón e plásticos e envases lixeiros). Tamén achegamos a propostas de que habería que acrecentar o número de contedores para depositar aceite doméstico, unha vella demanda da veciñanza ribeirense.


Por outra banda, seguimos demandando desde o BNG solucións específicas para a hostalaría do municipio, que ten serios problemas para depositar os seus residuos nos contedores habilitados. O principal motivo é que a boca dos recipientes teñen unha dimensión moi reducida para introducilos e son negocios que xeran unha cantidade elevada de papel, cartón ou vidro.


Alén do anterior, tamén se bota en falta a recollida das papeleiras nalgúns puntos de importante afluencia de persoas como é o caso da Avenida do Malecón que nos meses de verán pode ter as papeleiras botando por fóra durante días e as lousas do chan completamente luxadas e negras.


Goberno esgotado


Son evidentes os problemas por todo o municipio e o goberno municipal no canto facer unha xestión planificada e mellorar aqueles aspectos nos que hai problemas, opta polo inmobilismo e non fai nada. En palabras de Pérez Barral “é un goberno esgotado, incapaz de mellorar aqueles problemas que se lle trasladan”.


Pérez Barral apunta tamén a que o BNG seguirá traballando para introducir melloras nun servizo tan relevante para a veciñanza como é o da limpeza e recollida de lixo, pois entenden que nin a veciñanza merece un servizo de mala calidade nin as persoas visitantes deben levar mala imaxe do municipio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.