O BNG reclama máis medios para a protección das vítimas da violencia de xénero

Davila advirte de que “existe unha evidente falta de medios para protexer ás mulleres vítimas de malos tratos” e solicita que nos Orzamentos do Estado para 2009 “se consignen as partidas necesarias para garantir unha aplicación efectiva da Lei Integral contra a Violencia de Xénero

Madrid,11 de Agosto 08. A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno que incremente os medios policiais para a protección das vítimas da violencia de xénero.

A deputada nacionalista considera que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2005, “foi un paso histórico (....) pero vemos como empezan a cobrar razón as voces que dende un principio advertirion que a lei podería quedar sen efectividade se non se acompañaba dunha dotación orzamentaria suficiente para a súa aplicación, especialmente no referido á creación de xulgados especializados e na protección das vítimas”.

Só 600 policías para atender 36.000 ordes de protección

Así, Davila denuncia que “neste momento existe un claro déficit de persoal policial para protexer as vítimas da violencia de xénero”, tal e como puxeron de manifesto o pasado 28 de xullo todos os sindicatos con representación no Consello Xeral da Policía.

E é que segundo os últimos dados, a Unidade de Protección de Mulleres Maltratadas só conta con 600 axentes, para atender as 36.000 ordes de protección (solicitáronse un total de 91.441) dictadas polos xuíces dende que se comezou a aplicar a lei.

Neste sentido, a deputada do BNG subliña que “durante o debate parlamentar da lei consideráronse necesarios uns 5.000 policías para facer efectivo o seu cumprimento”.

Deste xeito, Davila denuncia que “neste momento nas grandes cidades do Estado cada policía adicado á protección das vítimas da violencia de xénero ten ao seu cargo máis de 20 ordes de protección de vítimas, cando os protocolos de instrucción fixan un máximo de 12 ordes por axente para garantir unha protección efectiva”, unha situación que aínda se agrava máis nas comisarías locais ou de distrito.

Os Orzamentos do Estado para 2009 deben recoller as partidas necesarias para garantir o cumprimento da lei

A este respeito, a deputada do BNG comparte as críticas dos sindicatos ao feito de que o último Catálogo de Postos de Traballo para o Corpo Nacional de Policía, aprobado polo Goberno e que entrou en vigor en xaneiro deste ano, “non contemplase un dimensionado en recursos humanos e orzamentarios acorde coa magnitude do problema ao que nos enfrontamos”.

Ante esta situación, Olalla Fernández Davila solicítalle ao Goberno que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2009 “se incrementen os recursos para garantir unha aplicación efectiva da Lei Integral de Medidas contra a Violencia de Xénero, especialmente no referido á creación de xulgados especializados e ao incremento do número de axentes de policía destinados á protección das vítimas”.

Asimesmo, pregúntalle ao Goberno se “é consciente de que a falta de medios para garantir a seguridade das mulleres vítimas da violencia de xénero pon en perigo moitas vidas” e, polo tanto, se “vai incrementar con carácter de urxencia o cadro de persoal da Unidade de Protección de Mulleres Maltratadas”.

Por útimo, e entre outras cuestións, a deputada do BNG solicita información sobre o número de axentes destinados en Galiza á protección das vítimas de malos tratos.

Iniciativa parlamentar:
proteccion_vitimas_violencia_xenero.pdf

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.