O BNG reclama depurar responsabilidades ante as verteduras ilegais do matadoiro municipal de Ribeira

O BNG vén de rexistrar iniciativas no Parlamento de Galiza e no Concello de Ribeira para esixir a depuración de responsabilidades ante unhas verteduras ilegais producidas polo matadoiro municipal ribeirense.

Chegáronnos vídeos e fotografías nos que se pode apreciar como o matadoiro municipal verte de maneira incontrolada augas residuais, sen ningún tipo de depuración, ao exterior do recinto. As imaxes e vídeos constatan que esas verteduras non foron debidas a un accidente, xa que hai unha canalización rudimentaria para conducir eses residuos fóra das instalación do matadoiro.

As verteduras produciron un regueiro de sangue e líquidos con alta carga orgánica que discorreron pendente abaixo filtrándose na terra e que mesmo poderían ter chegado a algún regato próximo, co conseguinte risco para a saúde das persoas.

Ante estes feitos, imos pedir a actuación dos gobernos local e galego, para que se abra unha investigación e se depuren todas as responsabilidades que poidan existir ante un feito tan grave. Mostramos a nosa preocupación e non entendemos o acontecido, máxime cando a instalación asegura contar cunha depuradora propia para evitar este tipo de sucesos.

Por outra banda, tamén temos constancia de queixas veciñais polo trato que se lle dispensa aos animais que van ser sacrificados, por iso entendemos que tanto a Xunta de Galiza como o Concello de Ribeira deben actuar para garantir que este tipo de feitos non se volven producir porque afectan gravemente ao medio mais tamén deben comprobar que se cumpre a lexislación vixente, con especial atención a aquela que regula o benestar animal e a depuración de residuos.

One Comment on “O BNG reclama depurar responsabilidades ante as verteduras ilegais do matadoiro municipal de Ribeira”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.