O BNG reclama ao Concello que rectifique o recorte no servizo de conciliación e escoite as ANPAS e atalle o caos no transporte

Pérez Barral apoia ás ANPAS e pide recuperar a flexibilidade do curso pasado para que cada centro decida se destina a hora de monitorado a madrugadores ou comedor

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno municipal do Partido Popular que rectifique de inmediato as modificacións introducidas este curso no programa municipal de conciliación e que atenda as demandas trasladadas polas nove ANPAS dos centros educativos de Ribeira e traballe para solucionar o caos do transporte público escolar.

O BNG mantivo un contacto estreito e directo coas asociacións de nais e pais nos últimos días e consideramos plenamente razoables as súas reclamacións, especialmente tendo en conta que o curso escolar comeza sen que as familias conten coa información e coa planificación necesarias sobre un servizo fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

Esta medida pioneira do programa de conciliación púxose en marcha o ano pasado 2025 con Luís Pérez Barral como alcalde, quen se reuniu con todas as Anpas para acordar que o Concello sufragaría unha hora de monitorado en cada centro público do municipio, deixando ademais nas mans de cada ANPA a decisión de destinala ao servizo de madrugadores ou ao comedor escolar, en función das necesidades concretas de cada comunidade educativa.

“O que fixemos foi escoitar as ANPAS e darlles liberdade para decidir onde era máis necesaria esa hora de monitorado. Non todos os centros teñen as mesmas necesidades e non todas as familias teñen os mesmos horarios”, sinala o exalcalde e portavoz Luís Pérez Barral. Porén, o Partido Popular decidiu modificar este ano o funcionamento do programa, facendo que comece en outubro e establecendo que a hora de monitorado se destine exclusivamente ao servizo de madrugadores. Ademais, introduce un mínimo de oito nenos e nenas para que o servizo poida funcionar.

Grazas á presión exercida polas Anpas e o BNG, o PP rectifica e o servizo comezará o día 14 deste mes cando a pretensión era deixar tiradas ás familias todo o mes de semtembro. Mais tamén deben reunirse coa comunidade escolar e coñecer as necesidades e eliminar a imposición dos 8 nenos e nenas ou de que só se sufraga o servizo de madrugadores e non comedor.

Estas decisións supoñen un paso atrás e prexudican os centros máis pequenos das parroquias. “Non ten sentido aplicar unha mesma solución a nove centros que teñen realidades completamente diferentes. Nalgúns a principal necesidade é o servizo de madrugadores e noutros é o comedor. O Concello debe poñer os recursos públicos ao servizo das necesidades das familias, non obrigar as familias a adaptarse a unha decisión tomada desde un despacho”, afirma o portavoz nacionalista.

“Se o Concello tivese escoitado as ANPAS, probablemente non estariamos hoxe nesta situación. Levamos todo o verán vendo a María Sampedro e o seu equipo do PP de festa en festa e de foto en foto, pero gobernar non é iso. Gobernar é escoitar, planificar e atender as necesidades da veciñanza. E hoxe, no primeiro día do curso, temos familias que non saben como vai funcionar un servizo básico de conciliación, ANPAS ás que non se lles dá resposta e problemas co transporte escolar. As fotografías poden quedar ben nas redes sociais, pero a prioridade dun goberno debe ser que os servizos públicos funcionen e dar solución aos problemas reais das familias”, denuncia Luís Pérez Barral.

As concelleiras Cruz Rivadulla e Antía Alberte, consideran especialmente grave que o Concello non mantivese unha reunión coas ANPAS para abordar estas modificacións. As asociacións xa trasladaran esta cuestión no Consello Escolar Municipal celebrado o pasado mes de maio e, segundo denuncian, desde entón non recibiron a información nin a resposta comprometida polo Goberno municipal. Ademais Rivadulla referiuse a que no BNG estamos traballando para que as familias poidan afrontar o curso escolar co menor impacto económico e por iso reiteramos as medidas de ter os libros de texto gratuítos durante toda a etapa de ensino obrigatorio e tamén a universalización dos comedores.

O BNG reclama ao Goberno municipal que elimine o requisito mínimo de oito usuarios, recupere a flexibilidade para que cada centro poida escoller entre madrugadores e comedor e garanta o inicio do servizo desde o comezo do curso, ademais de reunir o Consello Escolar Municipal como canle de comunicación directa e estable coas ANPAS.

Problemas tamén no transporte escolar

A esta situación súmase o mal funcionamento do transporte escolar no primeiro día do curso, con incidencias que afectaron alumnado de centros como Palmeira e Aguiño, así como a estudantado dos institutos. “É inadmisible que no primeiro día de curso teñamos novamente problemas co transporte escolar. As familias necesitan saber que os seus fillos e fillas poden acudir aos centros con normalidade e seguridade”, sinala o portavoz do BNG.

Para o Bloque, o comezo do curso está poñendo de manifesto unha falta de planificación e de capacidade de resposta por parte do Goberno municipal ante cuestións que afectan directamente ao día a día das familias. “Mentres o Goberno municipal está de festa en festa e de foto en foto, hai familias que están intentando saber como van conciliar, ANPAS que non conseguen reunirse co Concello e alumnado que ten problemas para chegar aos seus centros. A prioridade dun goberno municipal debe ser resolver os problemas da veciñanza”, critica Pérez Barral.

O BNG reclama, por tanto, ao Goberno do Partido Popular que rectifique, escoite as ANPAS e se poña a traballar para garantir un servizo de conciliación flexible, útil e adaptado á realidade de cada centro, así como para reclamar e coordinar as solucións necesarias ás incidencias do transporte escolar.