Rosana Pérez leva ao Parlamento a situación do transporte na comarca mentres Luís Pérez alerta das graves deficiencias que están sufrindo as familias de Ribeira.
O BNG denuncia o grave deterioro do servizo de transporte no Barbanza e reclama á Xunta de Galiza que deixe de mirar para outro lado ante os incumprimentos de Monbus. A deputada Rosana Pérez vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei na que reclama axilizar a nova concesión do transporte da comarca e extremar o control sobre a empresa no caso de que finalmente resulte adxudicataria, tendo en conta os seus antecedentes.
A nova concesión, anunciada pola Xunta durante máis de dous anos, ten un valor de preto de 13,6 millóns de euros ata 2030 e só recibiu a oferta de Monbus, a mesma empresa que acumula anos de queixas da cidadanía e que mesmo foi condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a pagar unha penalización á Xunta por incumprir o contrato. “Non pode ser que a resposta da Xunta ante anos de incumprimentos sexa volver confiar na mesma empresa sen garantir que o servizo vaia mellorar”, sinala a deputada nacionalista.
Esta situación ten xa unha tradución directa no transporte escolar de Ribeira. Segundo denuncia o exalcalde e portavoz Luís Pérez, no inicio do curso estanse producindo graves incidencias. “No caso do IES Nº1 temos microbuses que se enchen e deixan alumnado atrás, rutas que continúan sen cubrir unha semana despois do inicio das clases e constantes problemas de puntualidade”. As ANPA tamén alertaron destes problemas: en Palmeira denunciaron inicialmente as “rutas fantasma” con autobuses que non realizaban os percorridos previstos, e mentres no CEIP de Olveira as familias denunciaron condutores que descoñecían as rutas e problemas coas paradas e os listados do alumnado.
Barral tamén fixo mención ás denuncias realizadas polo persoal e pola CIG ante os primeiros incumprimentos de Monbus que non subrogou o persoal procedentes da anterior concesionaria xerando un conflito laboral e provocando atrasos diarios, desorganización nas paradas das distintas parroquias e un profun- do malestar entre as familias e ANPAs do noso concello.
O exalcalde anunciou que presentará iniciativa no Concello de Ribeira onde tamén se recrimina que o PP de María Sampedro manteña pechado o apeadoiro de autobuses dende hai case un ano. Esta situación deixa ás persoas usuarias sen un espazo cuberto no que resgardarse da chuvia, o vento ademais de privalas do uso dos baños públicos. “O PP demostra que o transporte público non está entre as súas prioridades posto que mira para outro lado ante os incumprimentos polos que Monbus recibe cartos públicos e mantén pechado un apeadoiro-estación no que o Concello de Ribeira investiu máis de 350.000 euros.
Rosana Pérez reclama no Parlamento que a Xunta non se limite a adxudicar contratos, senón que controle o seu cumprimento e garanta que as condicións previstas se prestan efectivamente.
Mediante esta iniciativa o BNG volve a reclamar unha proposta esencial de mobilidade na nosa comarca: a conexión coa liña ferroviaria do país. Porén, o grupo nacionalista propón que se inclúa unha partida nos Orzamentos de 2027 para ampliar o transporte público do Barbanza cunha conexión coa estación de ferrocarril de Catoira, con cando menos dous servizos Catoira-Ribeira os venres pola tarde e dous Ribeira-Catoira os domingos pola tarde.
“A Xunta non pode mirar para outro lado mentres as familias denuncian que os autobuses non pasan, chegan tarde ou non teñen capacidade suficiente e mentres o persoal denuncia problemas na organización do servizo”, sinala o BNG.
O BNG reclama así á Xunta que actúe de inmediato, esixa a Monbus o cumprimento das rutas e das condicións da contratación e garanta un transporte escolar seguro, puntual e suficiente. “As familias do Barbanza non poden ser as que paguen as consecuencias da mala xestión dun servizo que é responsabilidade directa da Xunta”, conclúen.

