O BNG quere que Ribeira se declare vila libre de circos con animais

A cuestión do respecto cara aos animais levou a que o pobo demande novas accións en diferentes eidos normativos. Esta mesma semana un circo que emprega animais quixo instalarse en Boiro a pesar da prohbición expresa por parte do concello boirense, nunha actitude intolerábel non fixeron caso das indicación e colocaron cartalaría e mesmo quixeron levantar o precinto policial que lle impedía a apertura. En Ribeira será a segunda vez que se debata esta cuestión, pois o BNG xa presentara en febreiro de 2014 unha iniciativa moi semellante que fora rexeitada por PP e IPR.


O uso de animais en espectáculos é, quizais, un dos aspectos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, nomeadamente os circos, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna silvestre.


A vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio. As exhibicións de animais nos circos ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa. Aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres.


Os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da súa vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etolóxicas e naturais. A natureza transitoria dos circos e a vida constante de confinamento, privación de estimulación e frustración da fauna, conduce os animais a estados neuróticos e comportamentos repetitivos “estereotipados”, como balancear a cabeza ou corpo, movementos circulares dentro das gaiolas e até automutilacións.


Estes trastornos psicolóxicos chegan a provocar reaccións violentas que poden causar graves riscos para as persoas en caso de accidente, un extremo que sucedeu en numerosas ocasións ao longo dos últimos anos. Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos con base na súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e as condicións de vida supoñen unha crueldade, ao mesmo tempo que incrementan o tráfico ilegal de animais e a caza furtiva de especies protexidas.


Alén do anteriormente exposto os circos usan os animais como reclamo do público infantil. Desde o Bloque xulgamos que as crianzas, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e o seu contorno. Neste mesmo sentido, dicir que xa que Ribeira conta cunha canceira, o Concello de Ribeira debería realizar accións dirixidas a prmover a adopción dos animais que se atopan nesa instalación.


Por todo o anteriormente exposto desde o BNG propoñemos que en Ribeira se adopten os seguintes acordos:


A) Que o Concello de Ribeira non autorice nin promova ou ampare a instalación de circos nin establecementos feirais con animais no termo municipal.
B) Declarar o Concello de Ribeira, vila libre de circos e feiras con animais.
C) Que este concello non permita a instalación de publicidade de espectáculos circenses e feirais con animais no termo municipal.
D) Que o Concello de Ribeira promova a adopción de animais da canceira municipal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.