O BNG propón un programa sensibilización e accións en defensa das liberdades LGBT

O BNG aposta por que o Concello se implique coa diversidade afectivo-sexual, de modelos de familia e despregue campañas de sensibilización contra a LGBTfobia nos centros de ensino


O Bloque critica o retroceso na Xunta de Galiza coa supresión dos Centros Quérote que prestaban asesoramento afectivo-sexual defendendo a diversidade



Coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGBT, e cando se cumpren cinco décadas do inicio histórico desta reivindicación, o BNG demanda unha maior implicación por parte do Concello de Ribeira neste ámbito.


O concelleiro Luís Pérez Barral reclamou do Concello “un compromiso efectivo, un compromiso material e concreto, a favor da diversidade sexual”. “O traballo constante feito polo BNG dá froitos, pois agora faise unha declaración institucional e pendúrase a bandeira do arco da vella no concello, despois de que o pasado ano se izara nun espazo público a bandeira LGBT por primeira na historia do municipio e da man de membros do Bloque. Desde o BNG entendemos que Ribeira non pode quedar só en feitos simbólicos, ten que desenvolver accións concretas e despregar recursos para desenvolver un traballo en positivo”, detallou.


Neste sentido, Pérez Barral propón a posta en marcha dun Programa municipal de información e atención ao colectivo LGBT que, entre outras cuestións, teña como prioridade despregar campañas de sensibilización fundamentalmente nos centros de ensino do municipio e con asociacións e clubs deportivos. “Sería un erro dar por completamente normalizada a realidade diversa, de diversidade de tendencias e identidades sexuais, cando seguimos asistindo a casos de discriminación, a casos de acoso e mesmo medo a visibilizar a condición afectivo-sexual no eido laboral”, advertiu o edil. “A mellor maneira para enfrontar esta realidade é actuar desde a sensibilización, a concienciación social e a visibilización dos diferentes modelos afectivos, sexuais e de familias”.


En relación ao obxectivo desta iniciativa, Barral explicou que se trata dun programa para dar apoio económico, técnico, ao traballo que desenvove o tecido asociativo. “Desde as institucións debense facer accións mai tamén apoiar aos colectivos para que tamén desenvolvan traballo para evitar todo tipo de discriminacións, un ámbito no que habería que actuar sería por exemplo o deportivo”.


Con esta iniciativa defenden que desde o ámbito municipal se supla unha carencia existente resultado da década de recortes impostos polo Partido Popular desde a Xunta e que Pérez Barral exemplificou na supresión dos Centro Quérote que prestaban servizos de orientación afectivo-sexual. “Nós cremos que Ribeira é unha vila diversa e desde o goberno débense defender os dereitos sociais e iso pasa tamén por defender, no concreto, con actuacións efectivas, as liberdades sexuais”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.