O BNG propón mellorar a accesibilidade e o pavimento na rúa Francisco Lorenzo

A rúa Francisco Lorenzo Mariño é un dos principais accesos ao centro da parroquia de Aguiño e conta cun bo número de comercios e vivendas en ambas marxes da estrada polo que é unha rúa moi transitada. A pesar de ser unha rúa principal, non é accesíbel, rexístranse excesos de velocidade e o pavimento está moi deteriorado. Os edís Luís Pérez, Cruz Rivadulla e o responsábel local Xabier Vidal detallaron a iniciativa plenaria do BNG na que se propón realizar unha actuación integral de mellora.

Malia que no ano 2016 se fixo unha reforma, por valor de 465.000 euros iniciada, para cambiar as lousas das beirarrúas, renovar a rede de saneamento e canalizacións non se atendeu a petición do BNG para recolocar postes e farois situados no medio das beirarrúas e asfaltala completamente. A falta dunha nova capa de asfalto fai que as beirarrúas estean máis altas que o pavimento, orixinando unha barreira insalvábel para as persoas con mobilidade reducida impedíndolles atravesar a rúa dun lado a outro e provocando serios problemas ás persoas que vaian con carros de crianzas ou de compra.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, recrimina que o goberno local incumpre as súas obrigas para garantir a accesibilidade universal en todos os lugares do municipio, “o señor Ruiz, ademais dicir que vén moito por Aguiño, debería escoitar e atender as necesidades que lle formulan os veciños e veciñas”. Pérez Barral argumenta que é necesario deixar atrás o modelo do Partido Popular no que se desatende as parroquias para facer obras megalómanas no centro de Ribeira.

Asfaltado novo, accesibilidade universal e calmado de tráfico

O responsábel local Xabier Vidal Peón, defendeu o modelo urbanístico do BNG por ser “recoñecido polos efectos positivos que implica” e por ter “un claro compromiso coa accesibilidade e a seguridade viaria para beneficio das persoas” mediante medidas como o calmado de tráfico e plataforma única. Vidal Peón defende que esas medidas xa se están levando a cabo en moitos concellos gobernados polo Bloque e teñen unha aceptación moi boa por parte da veciñanza ao se garantir a accesibilidade e ao se reducir o ruído e os accidentes”.

Ademais da accesibilidade, o BNG propón adoptar medidas de calmado do tráfico e seguranza viaria porque a veciñanza lle trasladou as súas queixas polos excesos reiterados de velocidade en moitos lugares da parroquia de Aguiño que están a provocar de perigo e ruído.

Ante todas estas necesidades propoñemos unha actuación integral de mellora dotando a toda a estrada dunha nova capa de asfalto; garantir accesibilidade universal para facilitar que todas as persoas poidan moverse libremente e sen obstáculos, prestando especial atención aos pasos de peónsasí como a adopción de medidas de calmado de tráfico que supoñan a redución dos riscos por accidente, menos contaminación e ruído.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.