O BNG propón implementar un plan de seguridade viaria que garanta a accesibilidade e a seguridade nos pasos de peóns

O BNG ribeirense rexistrou a inicio de semana unha iniciativa para garantir a seguridade dos peóns e do tráfico en Ribeira, algo que é moi necesario pois nos últimos meses lévanse producido varios atropelos en pasos de peóns do centro urbano de Ribeira que acabaron con persoas feridas de diversa consideración. Malia esta situación, o goberno local non fixo nada para mellorar a seguridade viaria.

Non é a primeira vez que o BNG presenta iniciativas encamiñadas a garantir a seguranza viaria, a calmar o tráfico ou a promover unha mobilidade máis segura, respectuosa co medio e amábel para as persoas. Neste sentido, o portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, destacou as alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), para elaborar un plan de mellora da seguridade nos pasos de peóns con máis tránsito co que poder detectar aqueles pasos de peóns nos que poden producirse situacións de risco e implementar as medidas oportunas para mellorar a seguridade das viandantes e das persoas condutoras. Alén desa medida, nos últimos anos teñen feito propostas para un correcto mantemento do pavimento en varias estradas parroquiais e iniciativas para o calmado do tráfico que redundarían nunha maior da seguranza viaria.

Pérez Barral recrimina a parálise do goberno local “que só actúa cando se lle presiona”, xa que tras ser rexistrada a iniciativa do BNG o pasado luns, o alcalde mandou a brigada de obras pintas os pasos de peóns que estaban nun estado de mantemento moi deficiente. “Bastaba con dar unha volta polo centro urbano de Ribeira ou das parroquias para comprobar que hai pasos de peóns que apenas conservan a pintura (rúa Lepanto, rúa Rafael Dieste, Mariño de Rivera, rúa Canarias, rúa de Galiza, Deán, avenida da Coruña, etc.). Por se fose pouco, a deficiente iluminación dalgúns pasos de peóns implica que polas noites ou cando as condicións meteorolóxicas son adversas, a visibilidade é practicamente nula.

No BNG imos máis alá e solicitamos que se realice un plan de seguridade e accesibilidade viaria con medidas como o calmado de tráfico que xa se adoptaron con éxito en concellos gobernados polo BNG ofrecendo datos moi positivos cunha baixada de accidentes e de atropelos. En Ribeira deberíanse iluminar correctamente os pasos de peóns, pintalos ben e pór en marcha medidas de calmado de tráfico naquelas zonas nas que se rexistran velocidades inadecuadas e perigosas para a seguranza viaria. “O calmado de tráfico supón beneficios claros tales como; redución do risco de morte por atropelo pasando do 50% a 50km/h ao 10% se a velocidade é de 30km/h ou a redución de ruído e da contaminación producida polos vehículos”.

Por último o BNG pide que se convoque a mesa de mobilidade de maneira inmediata porque son moitos os asuntos a tratar “a comezar polo caos no tráfico que o propio goberno local provocou por realizar obras sen unha axeitada planificación e por carecer dunha estratexia a longo prazo que permita avanzar na ordenación das rúas peonís e mellorar os aparcadoiros disuasorios que hai no centro urbano” concluíu Barral.

Un comentario en «O BNG propón implementar un plan de seguridade viaria que garanta a accesibilidade e a seguridade nos pasos de peóns»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.