O BNG propón declarar BIC a fábrica de Cerqueira para protexer o patrimonio arquitectónico

Pérez Barral: “está na nosa man a posibilidade de conservar o patrimonio industrial, contribuíndo a manter viva a identidade orixinaria da vila de Ribeira”

A actual fábrica de Cerqueira situada no número 31 da Rúa Manzanares, no barrio de Banda ó Río, o núcleo orixinario da vila. Dito barrio sempre estivo vencellado cara ao mar e a día de hoxe aínda conserva parte da súa estrutura orixinal mariñeira, berce das primeiras salgaduras e fábricas de Ribeira. Na actualidade a fábrica de Cerqueira segue en plena actividade e está catalogada coa tipoloxía de edificación illada, ben conservada que presenta un importante interese arquitectónico polo que o BNG vai propoñer que o Pleno de Ribeira apoie a proposta para declarala Ben de Interese Cultural.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, cre que “por desgraza” na parroquia de Santa Uxía de Ribeira non se conservan demasiadas mostras dese pasado ligado ao mar nin da arquitectura popular galega. Pérez Barral enumerou unha importante cantidade de edificacións tradicionais derrubadas para construír outro tipo de edificacións, entre as que destacou a perda arquitectónica e patrimonial do secadeiro de Colomer ou da antiga casa consistorial de comezos do século XX obxecto dalgunha reforma coa ampliación feita nos anos corenta e derrubada nos anos setenta. “Outras edificacións que xa non se conservan en Ribeira e que destacaban polo seu uso industrial ou comercial son edificios o dos talleres Nervión, o cine Rosalía de Castro e moitos outros establecementos comerciais e vivendas particulares tradicionais que poderiamos mencionar” apuntou.

“Obviamente non podemos recuperar o que se perdeu pero si temos na nosa man a posibilidade de conservar e manter o que aínda segue en pé, contribuíndo a manter viva a identidade orixinaria da nosa vila” afirmou Pérez Barral. Por iso desde o BNG queremos protexer a fábrica de Cerqueira polo valor patrimonial e industrial que ten. Esta industria sitúase hoxe no bordo do parque de Pedra Pateira, mantendo a estrutura orixinaria, ao pé do mar. Conserva ademais a súa característica cheminea de ladrillo e a edificación anexa de pedra tal e como foi construída. Toda a instalación conserva o valor da arquitectura propia das conserveiras galegas e lembra a tradición mariñeira e conserveira de Ribeira.

Da conserveira Cerqueira hai novas, cando menos, desde o ano 1890 e como di Xoán Carmona Badía, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) no seu libro, “Las Familias de la Conserva”, ao falar dos Cerqueira: “la fábrica de Ribeira, que es con la de Vigo la única que ha seguido de forma estable hasta el día de hoy gestionada por la empresa, la compraron al conservero arousano Adelino Guillán de Dios en el año 1945 y pasó a dedicarse a la fabricación de mejillón y otros moluscos. Los Cerqueiras canalizaron hacia ella sus principales inversiones durante la segunda mitad de los cuarenta, de forma que en 1950 el valor de su maquinaria e instalaciones superaba al de su matriz viguesa”.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, asegura que con esta proposta, “pretendemos contribuír a manter a identidade única dunha fábrica situada no corazón da vila, garantindo a preservación da súa arquitectura singular e, ao mesmo tempo, permitindo que a súa actividade de transformación dos produtos do mar e de xeración de emprego sigan adiante”.

 

2 comentarios en «O BNG propón declarar BIC a fábrica de Cerqueira para protexer o patrimonio arquitectónico»

  1. Totalmente dacordo cos criterios que expón o voceiro do BNG, respeto de manter a conserveira CERQUEIRAS unha vez cese a sua actividade en Ribeira protexida coa declaracion de Patrimônio BIC.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.