O BNG propón crear unha sala de ensaio “digna” e contar cos músicos locais na programación cultural

O BNG está disposto a apostar, potenciar e apoiar os grupos de música locais



A demanda de locais de ensaio, nun emprazadamento axeitado e cunha dotación material suficiente, en Ribeira é algo no que desde o BNG levan traballando durante anos. Concretamente en 2005 o BNG presentaba unha iniciativa ante a Corporación Municipal ribeirense, inicio dun longo traballo neste campo e na que o Partido Popular votaba en contra.


O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, lembrou que durante o paso do BNG pola Xunta de Galiza, Ribeira puido dispoñer de locais de ensaio financiados pola Administración galega, cuestión que foi rexeitada polo Partido Popular. “O Concello de Ribeira só tiña que ceder un espazo ou local e a Xunta encargaríase do financiamento de toda a obra, mais a negativa do PP, por interese partidista, fixo que Ribeira perdese unha partida económica de até 120.000€ da Xunta para construír unha instalación axeitada ás necesidades dos grupos de música do municipio” asegurou Vázquez.


O traballo feito polo Bloque, sempre en contacto cos grupos de música locais, durante o 2005 até hoxe fixeron posíbel que en Ribeira haxa un espazo para ensaiar pero que está lonxe de cumprir as espectativas de confortabilidade e dotación suficiente tal e como demandan os e as músicas. Ademais a isto temos que engadir os atrancos postos polo equipo de goberno en diferentes ocasións ou o peche inxustificado durante determinados momentos, cuestión ante a cal o BNG requeriu explicacións en 2014.


O espazo que está habilitado como local de ensaio é o soto do auditorio municipal presenta as eguintes eivas e problemas:


Carencias estruturais:
Ventilación: as salas de ensaio deben ter un ambiente seco para que os amplificadores, instrumentos, e o propio local poidan ser confortábeis, lonxe disto, en Ribeira as condicións de humidade do local, deteriora toda a instalación eléctrica.
Servizo: A sala carece de servizo polo que as persoas que empreguen o local teñen que saír e acudir a algún local hosteleiro para faceren as súas necesidades.
Iluminación: actualmente a sala non está ben iluminada.


Carencias no quipamento:
Dous micrófonos cos seus correspondentes cables. Na actualidade un dos micrófonos adoita fallar no contacto co cable e outro non funciona. Necesítase outro micrófono ademáis do usual para facer os posíbeis coros. Tamén é necesario máis potencia para a voz, mediante un equipo de PA máis potente.
Dous amplificadores de guitarra. Un dos actuais está avariado, polo que se perden frecuencias ao pasar a guitarra pola mesa, o outro ten un son do que se podería decir que desvirtua ás guitarras.
No que atinxe á batería, as necesidades eran tantas que a día de hoxe o máis rendíbel sería mercar unha nova.
Pizarra e rotuladores, xunto con algo de alcol para limpala de posíbeis restos residuais de rotulador.
Atrís para ler partituras, letras e demais.


O BNG aposta pola promoción do talento local


Por todos os problemas enumerados anteriormente o BNG defende que Ribeira precisa ter unhas salas de ensaio en condicións que permitan atender as demandas de grupos e músicos do municipio. Ademais a todas as carencias anteditas, súmaselle á falta de apoio cara aos grupos musicais do municipio, provocando que literalmente, teñan buscarse a vida para poder ensaiar e actuar.


Xosé Vázquez asegurou que o BNG está disposto a apostar, potenciar e apoiar os grupos de música locais, emerxentes, consolidados, así como músicos individuais que destaquen. O candidato á alcaldía destacou que se acadan o respaldo suficiente, deixarán atrás unha política cultural de bandazos que promoveu o PP, para contar cunha programación cultural que dinamice a cultura galega e o talento local. Vázquez concluíu dicindo que “o BNG ten proxecto e ideas claras así como un equipo cohesionado para poder gobernar en beneficio de todas e todos”.

2 comentarios en «O BNG propón crear unha sala de ensaio “digna” e contar cos músicos locais na programación cultural»

  1. ola!eu preguntome dende hai anos para que serve a casa da Xuventude,para ter un oficina o tecnico de Xuventude?non ten humidades,mete auga!utilizase para escolas de veran ,para clases das amas casa e oitras asociacions durante unhas horas a seman,e salvo o campamento de vran de basket,que utilidade ten durante o ano?,que gasto ten ese edificio ?unha ou duas bombas de.achique funcionando para que non se inunde,ainda asi goteras nos dormitorios,filtracions de auga en instancias varias ,non humidade,auga…ata cando se vai a estar sostendo das.arcas municipais este edificio.?,apertas

    1. Boas David,
      certamente tes moita razón, o Partido Popular ten unha xestión nefasta na área de xuventude, pois a mocidade de Ribeira está totalmente esquecida. A casa da xuventude é un edificio público que, como ben dis, ten un monte de carencias e problemas estruturais.
      Desde o BNG xa pedimos en varias ocasións que se lle incautase a fianza á empresa que a construíu para sufragar obras de arranxo de humidades e goteiras. Tamén temos presentado iniciativas para separar o albergue da casa da xuventude e que se poidan usar de maneira independente.

      Cremos que se ten que facer unha política integral de planificación de actividades para a mocidade e tamén mellores investimentos nos equipamentos.

Responder a David Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.