O BNG propón crear un bono co que mobilizar 330.000€ en comercio e hostalaría

O BNG mantivo unha reunión de traballo coa Asociación de Empresarios/as de Ribeira

O BNG mantivo este luns unha xuntanza de traballo coa directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira para tratar asuntos de interese para os comerciantes e hostaleiros e presentarlles unhas iniciativas coas que pretendemos xerar dinamismo económico na localidade. Na xuntanza estiveron por parte da asociación, o seu presidente, Francisco Martínez e os membros da directiva Lola Guirado e Juan Martínez, por parte do BNG estivo o seu voceiro, Xosé Vázquez e os nacionalistas Luís Pérez e Vicente Paz.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, avanzoulles unha proposta para crear un bono comercio-hostalaría mediante o que mobilizar máis de 330.000€ de impacto económico directo ao que lle habería que sumar o indirecto cun efecto multiplicador. Pérez Barral detallou que, tras falar cos servizos económicos municipais, van propoñer que o concello destine un mínimo de 200.000€ a crear bonos de 30€ cos que beneficiar a 6.600 persoas e estas achegarían 20€.

Desde o BNG queremos que o bono se habilite en setembro para facelo coincidir coa volta ao cole e coas festas patronais da localidade. “De aprobarse esta proposta estariamos xerando un forte impacto económico no comercio e hostalaría de Ribeira, axudariamos a moitas familias cos gastos da volta ao colexio e contribuiríase a que esas compras se fagan na localidade” argumentou Barral.

Peonalización, aparcadoiros e circunvalación

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, trasladoulle á directiva da asociación que o Bloque segue apostando por aumentar as zonas de tránsito peonil e preferencia para as persoas porque supoñen beneficios sociais e económicos contrastados mais insistirán na necesidade de aumentar e manter en bo estado os aparcadoiros gratuítos de Ribeira. Ademais, en relación co aparcadoiro do Centenario, Vázquez mostrouse crítico coa política privatizadora do goberno local que provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión. O voceiro nacionalista remarcou que defenderá a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local. Esta medida sería positiva para o comercio local e tamén se aumentaría o número de estacionamentos públicos, algo moi necesario a día de hoxe.

Sobre a circunvalación, Vázquez, lamentou que se incumpriu de maneira flagrante o acordo plenario que só estudou dúas alternativas – a da Xunta e a proposta polo arquitecto rianxeiro – pero non a proposta polo BNG que sería a de mellorar a estrada de Frións suavizando curvas e incorporando carrís de adiantamento. Esta opción sería máis económica, non afectaría a vivendas e tamén daría servizo a parroquias como Carreira, Aguiño e Castiñeiras.

Os representantes de ámbalas dúas organizacións destacaron a boa sintonía da xuntanza e a coincidencia en moitos dos temas tratados. Xosé Vázquez e Francisco Martínez confirmaron que se manterán contactos de maneira constante para avanzar naqueles temas que sexan prioritarios para a patronal.

Un comentario en «O BNG propón crear un bono co que mobilizar 330.000€ en comercio e hostalaría»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.