O BNG propón ampliar o centro de saúde de Ribeira, garantir a presencialidade e reforzar o persoal

O BNG presentará unha batería de iniciativas tanto no Parlamento galego como no Concello de Ribeira

Hai apenas dous meses, o Parlamento galego aprobaba por unanimidade a iniciativa do BNG para acabar coas listas de espera na atención primaria e presentar un plan de continxencia co obxectivo de garantir a asistencia tanto na atención primaria como na hospitalaria. Un acordo que propoñía reactivar as consultas presenciais na atención primaria apostando polo persoal e por medidas de prevención para garantir unha atención sanitaria digna á poboación, mais seguimos facendo propostas para garantir o dereito á saúde.

O concelleiro ribeirense, Luís Pérez Barral, acusa ao Partido Popular de non querer solucionar a forte presión que viven os profesionais sanitario por mor da carga asistencial, a precariedade, a falla de medios e a descordinación, o que provoca que a atención dos usuarios e usuarias sexa cada vez peor e se agrave o deterioro do propio sistema sanitario.

Segundo Pérez Barral, “esta situación, agravada agora aínda moito máis pola pandemia, non é nova e vén derivada dos numerosos recortes e a redución do gasto público levada a cabo polo Partido Popular nos últimos once anos”. “A situación que se está a vivir no centro de saúde de Ribeira é un exemplo extremo da desidia das autoridades sanitarias e das consecuencias que conleva para os seus profesionais e, sobre todo, para os seus usuarios e usuarias” acrecentou.

Situación crítica en Ribeira

A deputada nacionalista, Rosana Pérez, explicou que “a situación é crítica pois nun centro onde debían traballar habitualmente 9 facultativos pola mañá (para cubrir un cupo total de 12.686 pacientes) e 5 pola tarde (para cubrir un cupo total de 7.836 pacientes), ademais de 4 pediatras (para cubrir un cupo total de 3.536 pacientes), contaban a finais do ano 2020 con só 3 médicos de familia e dúas pediatras do total de 14 profesionais que debera haber”. A día de hoxe, continúan en cadro: entre 5 e 6 facultativos na quenda de mañá, onde o máis habitual e que sexan só 3 ou 4. Na quenda de tarde, 3. E dúas pediatras de mañá, unha delas facendo 2 tardes á semana e outra tarde cubríndose con profesionais doutros centros (hospital da Barbanza, Porto do Son, A Pobra) de tal xeito que sempre quedan dúas tardes á semana sen pediatra no centro.

Os pacientes dun día calquera deberan ser entre 30 e 35, mais as axendas que soportaron as facultativas nos últimos días do ano 2020 foron de entre 70 e 85 persoas, e mesmo a día de hoxe continúan entre 40 e 60 persoas. A este despropósito hai que sumar aínda as urxencias que podan darse e tamén que,  no caso da especialidade de pediatría, o centro de Ribeira está asumindo aos menores procedentes do centro de saúde da Pobra que nestes momentos continúa sen pediatra e que provoca que unha das profesionais destinada no Hospital da Barbanza sexa trasladada, un día á semana, a reforzar o servizo no centro de saúde.

A deputada nacionalista asegura que o centro é tamén deficitario en canto a PSX e persoal de enfermería. No primeiro caso, conta con 4 de mañá e 2 de tarde, que se reforzou nestes días e puntualmente polo exceso de traballo cun máis pola tarde, xa que fronte á circunstancia de atender axendas imposíbeis víronse na obriga de chamar a un grande número de pacientes para pospoñerlle ou cancelarlle a cita. No segundo caso, vén sendo habitual tamén que non se cubran as ausencias e que se fagan intersubstitucións entre as que están activas. De calquera xeito, é de suliñar que non todos os cupos de facultativos dispoñen de enfermeira ou enfermeiro asignado, o que é importante para evitar as distorsións no traballo diario. 

Falta de espazo

Alén dos serios problemas de falla constante de persoal, hai que engadir os da falta de espazo dun edificio que se queda pequeno para a poboación á que ten que atender e que as autoridades locais prometeran xa hai tempo amplialo sen que ata o de agora se teña efectivizado tal promesa quedando todo en fume. En agosto de 2017 o señor Ruiz Rivas aseguraba que “durante o ano 2018” a ampliación do centro de saúde sería efectiva após manter unha reunión entre o Sergas, o Instituto Social da Mariña e o propio Concello de Ribeira. Pérez Barral lamenta como o rexedor ribeirense confirmaba en 2018 que había varios bosquexos mais a día de hoxe nada se fixo. “Seguimos sen ter un centro de saúde acorde ás necesidades que demanda o servizo demostrando que hai unha completa inutilidade á hora de poñerlle solución a un problema que vén de vello” asegura o concelleiro nacionalista. 

Ao enquistamento da grave situación que se dá dende hai moito tempo no centro de saúde de Ribeira, hai que sumar agora a sobrecarga e a saturación derivada da pandemia da COVID-19, que supón que moito menos persoal teña que atender a un maior número de pacientes – tanto telefonica como presencialmente – e a unha carga burocrática excesiva, que nestes primeiros días de vacinación se tiveran xa destinado dúas profesionais de enfermería aos xeriátricos da localidade e que nas seguintes fases da vacinación teñan que atender a miles de persoas cun reducido cadro de persoal.

Pérez Fernández asegura que diante deste colapso e do empeoramento da asistencia que se presta só se suple coa voluntariedade e a adicación do persoal, mentres que as autoridades sanitarias continúan coa descordinación, a falla de previsión e a falla de dotación de persoal que permita unha atención sanitaria digna á poboación.

Malia que o Partido Popular e o señor Ruiz Rivas son sabedores do que ocorre no centro de saúde de Ribeira nada se fixo para solucionar un problema que vén de vello e que se agrava coa pandemia. Moi ao contrario, as cousas foron a peor e, diante dunha máis que posíbel terceira onda da pandemia e da complicación do labor asistencial, seguen sen atisbarse sequera previsións de reforzar o cadro de persoal e, polo tanto, de paliar cando menos os problemas existentes.

En base a todo isto, o BNG, demandará no Parlamento galego e no Concello de Ribeira:

Repoñer de inmediato o número habitual o persoal sanitario do centro de saúde de Ribeira e cubra as baixas que se produzan por enfermidade, vacacións, ou calquera outro motivo.

Reforzar o cadro de persoal sanitario e non sanitario diante das necesidades derivadas da pandemia.

Buscar sen dilación alternativas para a falla de espazo nese centro de saúde, nomeadamente no referido ao PAC.

Explicacións polas que non se levan a cabo as substitucións polos motivos que sexan do persoal sanitario.

Ampliación de maneira inmediata do centro de saúde de Ribeira.

Explicacións de se se vai normalizar a situación da especialidade de pediatría na comarca e evitar que o centro de Ribeira teña que asumir sen incremento de persoal a atención dos nenos e nenas doutros centros

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.