O BNG, tras escoitar diversas peticións da veciñanza da Rúa Barreira, defenderá unha proposta en Pleno coa finalidade de impulsar unha renovación desta vía, unha das principais saídas do centro urbano, e mellorar tanto a seguridade do tráfico como a mobilidade peonil. Así o expuxeron hoxe o exalcalde portavoz Luís Pérez, a concelleira Veva Betanzos e o responsable local Rafa Pazos.
A iniciativa contempla a renovación do pavimento, a implantación de medidas de calmado do tráfico, a mellora das beirarrúas, a plantación de arborado, a renovación da sinalización horizontal e a creación de novos pasos de peóns, especialmente na contorna da intersección coas rúas Lepanto e Rodríguez Bautista.
A concelleira do BNG, Veva Betanzos, explicou que “esta proposta nace de escoitar á veciñanza, que leva tempo trasladándonos a súa preocupación polo estado da rúa e polos problemas de seguridade que presenta”. Segundo indicou, “o deterioro do firme é evidente e estase afundindo, as beirarrúas sofren danos continuos polo paso de vehículos de grandes dimensións e existen puntos nos que é necesario reforzar a protección das persoas que camiñan”.
Betanzos asegurou que “non estamos falando só dunha nova capa de asfalto, senón dunha actuación que permita transformar a Rúa Barreira nun espazo máis seguro, máis accesible e mellor adaptado ás necesidades”. Neste sentido, lembrou que o BNG presentou no Concello unha proposta con diversas actuacións de mellora en estradas para destinar unha parte dos 1,7 millóns de euros achegados pola Deputación da Coruña en 2026 á mellora de distintas estradas municipais, entre elas a Rúa Barreira, “unha iniciativa que foi rexeitada polo goberno do Partido Popular”.
Pola súa banda, o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, destacou que durante o período de goberno “demostramos que era posible renovar rúas e estradas sen incrementar impostos nin taxas, priorizando sempre as necesidades reais da veciñanza mediante unha planificación rigorosa”. Segundo lembrou, “a renovación da Rúa Barreira entra nesa liña de traballo que se estaba facendo, pero a moción de censura interrompeu proxectos que eran necesarios para garantir a seguridade e mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños”.
Pérez Barral subliñou que o seu goberno investiu máis de 5,5 millóns de euros nas parroquias para ampliar servizos básicos como pavimentacións, auga e saneamento e deixou consignados outros 1,5 millóns de euros para actuacións que se están executando ao longo de 2026. “Ese modelo permitiu realizar pavimentacións como Rodríguez Bautista en Ribeira, Castelao en Aguiño ou Revolta e Fonteseca en Castiñeiras” porén o portavoz nacionalista criticou o bloqueo do PP a outros proxectos que o BNG deixou feitos e cos cartos para realizar como a rúa Agriña en Palmeira, Buenos Aires en Corrubedo ou Mariño de Rivera en Ribeira. “Fronte a súa política de propaganda, nós imos traballar para que se fagan canto antes”, afirmou.
O portavoz nacionalista engadiu que “seguiremos presentando propostas en positivo porque Ribeira necesita un goberno que planifique, invista onde máis falta fai e poña ás persoas no centro das decisións e non un goberno que está de festa e foto continuamente”. “A Rúa Barreira merece unha actuación importante e non imos renunciar a defendela ata que sexa unha realidade”, concluíu.


