O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta para 2025 con propostas clave para emprego, sanidade e educación

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta para 2025, centradas principalmente en fortalecer o desenvolvemento económico e social da comarca da Barbanza. As iniciativas abranguen ámbitos como o emprego, a sanidade, a educación, a mobilidade e o medio ambiente. Presentaron estas emendas o responsábel comarcal Adolfo Muíños, a deputada Rosana Pérez, o alcalde ribeirense Luís Pérez, a voceira boirense Raquel Suárez, a edil Antía Alberte e o responsábel do BNG en Ribeira Rafa Pazos.

Desenvolvemento económico

Un dos “puntos centrais” das emendas é a creación de novo solo industrial entre A Pobra do Caramiñal e Ribeira, cunha proposta de 3 millóns de euros. Segundo a parlamentaria nacionalista Rosana Pérez, “os parques industriais dos catro concellos da comarca están completamente saturados, sen que a Xunta amose dispoñibilidade para atender esta demanda histórica”.

No sector do mar, as propostas inclúen investimentos por máis de 15,6 millóns de euros. Estas actuacións inclúen melloras nos portos de Ribeira e Rianxo, a apertura de canles no peirao comercial da Pobra para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros e a dotación dunha nova EDAR en Boiro para garantir a calidade das augas. Ademais, o BNG propón unha primeira anualidade de 3,1 millóns de euros para o Proxecto INVESrías 2025-2030, centrado na investigación multidisciplinar das causas da perda de produtividade das rías, e un Plan estratéxico de recuperación das rías e produción de semente autóctona, cun investimento total de 19 millóns de euros.

Mellora da Sanidade pública

No ámbito sanitario, as emendas inclúen 1 millón de euros para ampliar a área de hospitalización da Barbanza e a dotación dunha ambulancia medicalizada. Ademais, proponse un investimento de 20 millóns de euros para un novo modelo de atención primaria, coa dotación de maior número de profesionais médicos nos centros de saúde (Aguiño, Ribeira, Rianxo, Boiro) e a reapertura do de Taragoña, pechado coa excusa da pandemia no 2020. En canto á atención á dependencia, o BNG inclúe unha emenda para o centro de día de Rianxo cunha dotación de 700.000 euros e outra para a construción dunha residencia en Boiro, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, ademais de reclamar novamente a concreción das promesas incumpridas respecto á residencia de Ribeira.

Educación

No ámbito educativo, as emendas presentadas polo BNG ascenden a máis de 2 millóns de euros e buscan abordar carencias estruturais na comarca. Entre as actuacións propostas inclúense a construción de escolas infantís en Ribeira e A Pobra, a realización dunha nova cuberta na escola infantil de Boiro, a mellora de infraestruturas en centros como o CEIP de Olveira e o IES nº 1 de Ribeira, así como a finalización das obras do CEIP Castelao en Rianxo.

O alcalde de Ribeira pediu que a Xunta atenda estas emendas “xa que o pasado mes de setembro a Corporación Municipal ribeirense reclamáballe á Xunta asumir a escola infantil de Ribeira” e “materializar a construción dunha segunda escola tal e como se comprometeran en campaña electoral”, dixo, ao tempo que denunciou que “a Xunta se negue a asumir a escola infantil de Ribeira, facendo que o Concello teña que asumir o gasto de 550.000€/ano, e tampouco constrúen a que se comprometeron a facer na campaña das municipais. Todo isto mentres teñen que devolver 22 millóns de euros de fondos europeos para a construción de escolas infantís públicas porque prefiren priorizar as privadas”.

Infraestruturas

Para mellorar a conexión e a seguridade viaria na comarca, o BNG presenta unha emenda de 3 millóns de euros destinada á humanización da estrada AC-305 ao seu paso por Rianxo, Boiro e A Pobra.

No apartado de vivenda, propoñen emendas cunha dotación total de 40 millóns de euros para a construción de vivenda pública no país e outros 15 millóns para proxectos de rehabilitación, atendendo a unha demanda crecente e urxente que se nota na comarca, especialmente en Ribeira.

Inclúen tamén os nacionalistas unha proposta de facer un estudo para implantar un ferrocarril que conecte a bisbarra.

O pleno para a aprobación definitiva dos Orzamentos da Xunta celebrarase o vindeiro martes, 17 de decembro. O BNG agarda que as súa emendas sexan consideradas, destacando que responden ás necesidades reais da cidadanía da Barbanza e que son fundamentais para garantir o seu progreso e benestar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.