O BNG preocupado polos prazos do polígono ante a “chafalleira” adxudicación do estudo arqueolóxico

O pasado 30 de setembro remataba o prazo para achegar as ofertas á licitación da redacción dos proxectos de expropiación e de urbanización do polígono industrial de Ribeira así como o servizo de arqueoloxía. Estas tres accións sumaban un total de 249.260 euros.

O servizo arqueolóxico saía a licitación por un valor de 27.930€, unha contía moito máis baixa ao prezo real de mercado, que non cumpre coa normativa laboral, incumpre o convenio colectivo do sector e impide a posibilidade de presentar ofertas individualizadas a cada un dos tres lotes. Este feito foi denunciando ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galiza pola a Asociación de Empresarios de Arqueoloxía e tamén foi posto en cuestión pola CIG.

Ante esta grave situación, o BNG censura as actuacións “chafalleiras” feitas polo goberno local e denuncia que non é a primeira vez que acontece. O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, recordou que xa ten pasado en máis actuacións como por exemplo na construción do novo auditorio de Ribeira que presenta un sobrecusto importante pasando de 2,5 millóns co mobiliario a 4,2 millóns sen equipamento ningún. “Se esta actuación arqueolóxica se leva a termo, non cumprirá coa normativa laboral polo que, o Concello de Ribeira, estaría lanzando unha mensaxe moi prexudicial que é que fan o seu traballo saltándose a lexislación” aseverou Cobas.

Comparecencia e explicacións do alcalde
Vázquez tamén reprendeu a actitude antidemocrática de Ruiz Rivas por ocultar os escritos destas organizacións, rexistrados o 28 de setembro dirixida aos grupos políticos pero que nunca foi notificada nin entregada aos grupos da Corporación Municipal. Para o Bloque, é moi grave que, nun tema tan importante para o futuro do concello como é o polígono industrial, o PP estea facendo licitacións chafalleiras e demostrando a súa incapacidade para actuar con rigorosidade. Cobas mostrou a preocupación do BNG ante este mal facer do PP que pode “xerar prexuízos importantes para Ribeira, para os empresarios e empresarias e para a xeración de emprego, xa que pode dar lugar a atrasos e demoras que non son de recibo tras décadas agardando por ese solo industrial”.

Pedímoslle ao goberno local que compareza para dar explicacións e diga que vai facer para non demorar unha obra chave para asentar empresas no municipio. “Levamos máis de 30 anos de goberno do PP en Ribeira incapaz de crear un só metro de chan industrial, non estamos polo labor de que se demore máis tempo pero tampouco imos permitir que sexa o patrimonio histórico e arqueolóxico, o que estea exposto a unha mala praxe polo desleixo do goberno local, cando debería ser el o seu principal valedor, fornecendo os medios necesarios para o seu perfecto estudo e conservación en todas cantas actuacións realice o concello” concluíu.

Un comentario en «O BNG preocupado polos prazos do polígono ante a “chafalleira” adxudicación do estudo arqueolóxico»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.